Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Infraestruturas

Áreas

As obras de reforma e remodelación da Avenida Otero Pedraio son unha realidade. Os condutores ourensáns xa se poden beneficiar das actuacións de mellora de seguridade viaria e para a integración urbana nos dous primeiros quilómetros desta vía despois da súa entrada en servizo ao finalizar a Xunta as obras de reforma, nas que investiu máis de 2,2 millóns de euros.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, visitaron esta tarde as obras xa rematadas no inicio do tramo da estrada autonómica OU-538, para adaptala a súa condición de vía totalmente integrada no tecido urbano.

“Este é un novo exemplo de que a colaboración entre administracións públicas está sendo moi positiva para a nosa cidade, permitindo melloras integrais en moitas infraestruturas que van ser fundamentais para os vindeiros anos”, destaca o alcalde de Ourense Jesús Vázquez. O rexedor salienta que este proxecto “dá resposta ás demandas que nos transmitiron distintas entidades veciñais e alumnos do Campus universitario, pero sobre todo supón mellorar seguridade viaria e a accesibilidade nunha vía que contaba cunha enorme presión de tráfico”.

As obras de mellora da accesibilidade na Avenida Otero Pedrayo contaron cun orzamento de preto de 2,2 millóns de euros e supuxeron unha transformación nos dous primeiros quilómetros desta vía de entrada e saída a nosa cidade.

Para favorecer o tránsito e accesibilidade ás rúas transversais cara o campus universitario e a outros barrios executáronse dúas glorietas: unha no acceso ao Campus Norte e á parroquia da Asunción; e a segunda no acceso ao barrio da Rabaza.

Un dos aspectos máis vistosos da obra é a colocación de surtidoiros nas glorietas. Trátase dunha proposta en sintonía co vínculo de Ourense coa auga, símbolo da cidade, coas Burgas e co río Miño; pero tamén dunha homenaxe ao Campus da Auga.

A travesía mellorouse coa dotación e reparación de beirarrúas e a posta a punto das actuais vías de servizo.

Pero a obra tamén supuxo a renovación da rede de abastecemento, drenaxe e saneamento, así como a renovación da iluminación coa instalación de luminarias LED.

Reordenación de aparcadoiros e semáforos con pulsador

Para mellorar o día a día dos veciños e dos estudantes que acoden ate esta zona realizáronse diversas actuacións complementarias, como a reordenación de aparcadoiros ou a instalación de semáforos con pulsador para favorecer o paso dos peóns.

Esta actuación incidirá na seguridade viaria; nunha mellor integración de toda a contorna e favorecerá os desprazamentos cara o campus universitario ou cara a outros barrios.

Este proxecto realizouse de forma paralela ás obras da primeira fase das reforma da mellora da accesibilidade e seguridade que se está acometendo na OU-105 ao seu paso por Seixalbo. Neste caso os traballos están a supoñer a reordenación do tráfico e a mellora da mobilidade peonil nun treito de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e onde finalizan as vivendas.