Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Infraestruturas

Áreas

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o concelleiro de Infraestruturas e Transportes do Concello de Ourense, Miguel Caride, asinaron un acordo que permitirá a execución urxente de 27 obras na capital, referidas proxectos de acondicionamento urbano, accesibilidade, melloras en viais, rúas e paseos fluviais, instalación de elevadores, saneamento e alumeado, proxectos que se atopan paralizados por dificultades económicas e xurídicas, debido ao orzamento prorrogado co que se atopou o grupo de goberno do Concello de Ourense, que solicitou a colaboración da Deputación para cofinanciar estes investimentos e poder afrontar así a contratación e execución de ditas obras con carácter urxente.

Manuel Baltar certificou o compromiso de colaboración, un ano máis, do goberno provincial co Concello de Ourense, "para que o seu Plan de Obras se poida executar, o que responde a unha demanda e un plantexamento de colaboración co Concello de Ourense ao que respondemos de inmediato porque somos administracións irmáns, temos obxectivos comúns e formamos parte de gobernos únicos nas dúas institucións que teñen como obxectivo pór a Ourense por riba de todo". Neste sentido, Baltar confirmou: "Nos orzamentos de 2020 da Deputación de Ourense e na modificación de crédito de 2019, que aprobaremos no pleno do vindeiro 27 de setembro, reflectirase esta aportación económica e outras, da Deputación para o Concello de Ourense, para levar a cabo estes proxectos, cuxa finalidade é a de "facer cidade", unha cidade que é o motor da provincia de Ourense", salientou Manuel Baltar.

Na mesma liña, Miguel Caride agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense, "un apoio que nos dará facilidades de contido técnico e administrativo para licitar e executar un total de 27 actuacións pendentes no Plan de Obras, para poder levar a cabo as obras de infraestruturas do que resta do exercicio 2019 e as do ano 2020". "Trátase -dixo- dunha colaboración indispensable por parte da Deputación, que fai posible que se poñan en marcha proxectos que doutra maneira non se poderían realizar, debido as dificultades que ata o de agora viña tendo o concello pola falta de orzamentos", destaca Caride, quen augura que 2020 "será un ano excelente para a cidade de Ourense pola magnífica relación que estamos a manter no ámbito institucional entre Deputación e Concello de Ourense".

DOCUMENTACIÓN: PROXECTOS INCLUÍDOS NO PLAN DE OBRAS.pdf