Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Infraestruturas

Áreas

A rúa da Concordia será de acceso restrinxido a vehículos desde finais de mes. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen avanzou que con esta medida perséguese dar un paso adiante decisivo para mellorar a mobilidade peonil na cidade, avanzar na pacificación do tráfico e promover un modelo de cidade que lle dea prioridade ao tránsito peonil fronte ao de vehículos. Así, a rúa deixará de recibir o tráfico ordinario de vehículos máis alá do ocasionado polas persoas usuarias das prazas de garaxes e aparcadoiros públicos existentes. Os restantes vehículos deberán circular por itinerarios alternativos de forma que, quen chegue á glorieta de Progreso con Concordia, deberá desviarse pola rúa Xoán XXIII.

As prazas de aparcamento en superficie en zona azul reservaranse para os vehículos de carga e descarga, que só as poderán utilizar nos horarios autorizados para darlle servizo tanto á rúa da Concordia como á propia rúa do Paseo. De feito, un dos obxectivos prioritarios que persegue o Concello con esta medida é o de lle dar un carácter verdadeiramente peonil á rúa do Paseo e á rúa de Santo Domingo, cuxos tránsitos se ven constantemente afectados polo tráfico de vehículos pola perpendicular rúa da Concordia.

Esta medida é unha das iniciativas incluídas no Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Ourense, promovido pola Concellería de Infraestruturas e Mobilidade, e elaborado pola empresa Urbamas Consultoría de Urbanismo y Arquitectura. O Plan, aprobado pola xunta de goberno local do Concello do día 28 de novembro é unha ferramenta imprescindible para traballar nun novo modelo de mobilidade que lle dá prioridade so aos peóns.

O documento inclúe as achegas recollidas durante un amplo proceso de participación social, e aborda cuestións como os movementos de tráfico, zonas peonís e humanizacións, zonas onde se debe intervir para incrementar a seguridade viaria, incorporación de elementos mecánicos de mobilidade vertical, cámaras de vixilancia, radares, zonas A30, entre outros. Tamén prevé a creación dunha oficina municipal de mobilidade ou unha comisión técnica-política e outra de seguimento do plan.