Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

A compostaxe doméstica consolídase en Ourense como tratamento para a materia orgánica producida en vivendas unifamiliares que dispoñen de terreo no que aplicar o compost resultante. Así o acreditan os últimos resultados do programa promovido polo Concello coa colaboración de Sogama, que se ten desenvolvido, desde xaneiro de 2018, en seis asociacións veciñais (Cudeiro, Palmés, Castro de Beiro, As Termas, As Laxas e Miño).

A iniciativa levouse a cabo no marco dun plan de acción que deu comezo coa formación das persoas participantes en cursos presenciais impartidos por técnicos de Sogama onde se lles explicaba con detalle a técnica e resolvíanse as súas dúbidas. Acto seguido, persoal ao servizo do Concello realizou tres visitas de seguimento a cada un dos fogares participantes para revisar o procedemento seguido, solventar posibles erros e reorientar a técnica se esta non se levaba a cabo de forma axeitada.

A terceira visita centrouse na calidade do compost resultante, controlando parámetros de grande interese como a humidade, a textura, o cheiro e a apariencia, explicando ás persoas participantes a diferenza entre un compost fresco e un compost maduro, así como os tempos de descomposición e o uso e aplicacións que se debe dar a cada tipo de compost.

Tomando en consideración o correcto funcionamento da compostaxe en máis de 130 familias integradas nas asociacións participantes, estariamos a falar dunhas 87 toneladas de materia orgánica compostada por ano a partir das cales se obtiveron 26 toneladas de compost.

En clave circular

A iniciativa, altamente valorada polas persoas usuarias, trae consigo beneficios directos como a diminución dos desprazamentos aos contedores verdes xenéricos, xa que a materia orgánica contida nos residuos supón un 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo. Se se recicla directamente no fogar, evítase o seu depósito no contedor convencional, coa particularidade de que o resto de fraccións tales como envases lixeiros, vidro e papel/cartón, poden almacenarse varios días nas casas sen risco de cheiros.

Outra das vantaxes é que a veciñanza produce o seu propio compost, un abono natural de alta calidade con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo, resultando ideal para combater pragas e enfermidades. Ademais de todo isto, recupérase unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos residuos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de abono, á vez que se crea conciencia sobre a protección medioambiental, o coidado do solo e da saúde.

Todo beneficios para un intenso programa co que o Concello de Ourense quere contribuír ao cumprimento dos esixentes obxectivos da Unión Europea en materia de reciclaxe e valorización de refugallos nun marco de economía circular no que os esforzos deben ir dirixidos ao máximo aproveitamento dos produtos e á transformación dos residuos en recursos.