Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O Concello de Ourense oferta, para o primeiro trimestre de 2018, actividades para todos os públicos para pór en valor un dos enclaves máis singulares da cidade, o Botánico de Montealegre.Haberá obradoiros de máscaras para o Entroido, adopción de árbores, aforro enerxético, agricultura ecolóxica e uso racional da auga, “actividades pensadas para todos os públicos e cos que pretendemos complementar a educación en valores, a divulgación e o respecto cara a nosa contorna”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que animou “a todos os ourensáns a que participen destas actividades singulares, divertidas e saudables”.

Esta programación forma parte dos esforzos que está a realizar o Concello de Ourense para resaltar o valor do Parque de Montealegre, que se está a ampliar até as 9 ha. de terreo grazas ao traballo dun obradoiro de emprego, que ademais incorpora novos elementos e dotacións para a comodidade dos visitantes: unha zona de lecer con bancos e unha pérgola para estar a cuberto, un pequeno lago, novas sendas e carreiros peonís e un dispositivo de megafonía para poder comunicarse con todas as áreas deste enclave natural, segundo explicou o concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo.

Lorena Salgado, representante da empresa Xesmega, concesionaria da xestión do parque, lembrou que todas as actividades son gratuítas pero con prazas limitadas, polo que haberá que anotarse no formulario que se pode atopar en botanicodemontealegre.com:

  • 11 febreiro, 11:00 horas – Infantil - Entroido, pintacaras de animais. Unha ocasión para inculcar valores de respecto aos animais mediante a súa representación e a posibilidade de “converterse” nun deles durante un período de tempo: pintar a cara dos nenos con maquillaxe infantil caracterizándoos dun animal que eles escollan. Mentres se maquillan cóntanselles cousas dos animais e as súas características: hábitat, familia, peculiaridades…)
  • 24 febreiro, 17:00 horas – Adultos - Descifrando o recibo da luz para o aforro enerxético. A factura eléctrica resulta complexa de entender e descifrar para moitos dos cidadáns, polo que resulta interesante achegarlles dunha maneira práctica a maneira de comprendela. Deste xeito quérese conseguir tamén un aforro significativo do consumo. Os obxectivos desta actividade son esclarecer as dúbidas que se teñen con respecto a factura eléctrica, dar a coñecer alternativas para o fogar e sensibilizar sobre o aforro enerxético.
  • 4 + 18 de marzo, 11:00 horas – Infantil (+3) - Adopta unha árbore. Con motivo do día da árbore, o 21 de marzo, preténdese dar a coñecer as árbores do parque botánico mediante o acto simbólico de adoptalas. Ao facérmonos responsables implicámonos no seu coidado e no respecto pola natureza, ademais de aprender as especies presentes no parque. Na primeira sesión explicarase a importancia das árbores, farase un percorrido polo parque para que cada neno escolla unha árbore. Na segunda sesión entregarase unha placa para colocar xunto a árbore “adoptada” e un documento acreditativo cos datos da persoa que o adopta.
  • 10 marzo, 17:00 horas - Adultos – Agricultura ecolóxica na túa horta. Cada vez é mais común que as familias das cidades se interesen por cultivar un pequeno horto e que decidan facelo baixo os principios da agricultura ecolóxica. Dar a coñecer esta modalidade de agricultura, as súas vantaxes e a importancia do auto cultivo son os obxectivos da actividade.
  • 25 de marzo, 11:00 horas – Infantil (6-10 anos) – Científicos da Auga. Con motivo da celebración do día da auga, o 22 de marzo, explicarase o ciclo da auga, a filtración e outros fenómenos da natureza. Preténdese achegar coñecementos sobre a auga, crear conciencia da súa importancia e o seu correcto uso, pero tamén demostrar que a ciencia pode ser divertida.

 

Máis info en botanicodemontealegre.com: