Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo; e a responsable da empresa Xesmega (concesionaria da xestión), Lorena Salgado, presentaron esta mañá en rolda de prensa as actividades do último trimestre do ano 2018 no Parque Botánico de Montealegre.

“Un balcón verde que se asoma á nosa cidade e que está a mellorar día a día con novas infraestruturas: como o seu estanque, un miradoiro de madeira ou a ampliación de preto dun quilómetro de novos camiños, nos últimos meses. Aquí traballaron, e o fixeron moi ben, 15 alumnos e alumnas dun Obradoiro de Emprego que realizou melloras en xardinería e albanelería grazas á cooperación da Xunta co Concello de Ourense”, sinalou o rexedor ourensán.

Neste marco incomparable, entre outubro e decembro o Parque Botánico vai albergar oito actividades para nenos e adultos, coas que o Concello de Ourense quere reivindicar ese retorno á natureza e a aposta para que os adultos e a cativada compartan espazos e tempo libre.

“Pero sobre todo van ser unha oportunidade para que as familias fagan seu este recuncho da cidade mentres aprenden sobre reciclaxe, exploran o seu entorno ou viven dun xeito diferente as festas tradicionais do Samaín, o Magosto e o Nadal”, dixo Jesús Vázquez Abad.

O programa de actividades comezará o venres 5 de outubro, ás 17:00 horas, cun obradoiro para adultos sobre setas comestibles de Galicia.

Un día máis tarde, ás 16:00 horas, terá lugar outro obradoiro para adultos sobre cosmética natural; e o domingo, 7 de outubro, a partires das 11:00 horas, os nenos maiores de sete anos poderán vivir unha emocionante xornada como “Exploradores do Montealegre”.

As seguinte cita terá lugar o 20 de outubro, ás 16:00 horas, co obradoiro “Residuo cero na casa” dirixido a adultos.

O 28 de outubro, os nenos maiores de tres anos prepararanse para o Samaín aprendendo a decorar cabazas. Será en dúas quendas: ás 11:00 e as 16:00 horas.

O 18 de novembro, ás 11:00 horas volverá haber unha actividade para que os nenos, neste caso maiores de cinco anos, se divirtan cos “Xogos do Magosto”.

O 24 de novembro, ás 16:00 horas haberá un obradoiro de sementeiros para persoas maiores.

As actividades pecharán o 16 de decembro, ás 11:00 horas cunha actividade para que os nenos de tres anos en diante aprendan a facer figuras de Nadal con pasta de sal.

Todas as actividades son gratuítas, pero é precisa inscrición previa a través do espazo web www.botanicodemontealegre.com, xa que o número de prazas é limitado.

O Concello de Ourense confía en que estas actividades volvan a contar cunha importante demanda como xa vén sendo habitual nas propostas que se están a facer no Botánico de Montealegre.

As cifras reflicten que os ourensáns están a facer seu este entorno. No último ano, entre o 1 de setembro de 2017 e o 31 de agosto de 2018, as instalacións recibiron 9.498 visitantes . Así o reflicten os datos recollidos polo persoal do Parque Botánico nas tardes de martes a venres, fines de semana e festivos. Nese mesmo período o número de participantes nas actividades de infantís e adultos foron un total de 294.

As previsións para este ano apuntan a que se van superar estas cifras xa que entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto o Parque Botánico recibiu 6.824 visitantes e as actividades, a falta das presentadas hoxe, contaron con 194 participantes.

Por iste motivo, o alcalde de Ourense convida “a todos os ourensáns e ourensás a aproveitar esta sensacional oportunidade para redescubrir este espazo con actividades diferentes ou gozando das risas dos máis pequenos”.