Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O parque emprazado nas traseiras da rúa Camiño Caneiro, no barrio das Lagoas, contará a partir de 2019 cunha nova área de xogos infantís e de lecer. Este novo espazo dotacional, que ocupa unha superficie total de 160 m2, “dálle resposta a vellas demandas veciñais, e buscan que a cidadanía de Ourense teña á súa disposición áreas de lecer nas que desenvolver hábitos de vida saudables”, asegura o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

A nova faciana do parque estará lista para a súa apertura a mediados do mes de xaneiro -o prazo de execución é dun mes-, e conta cun orzamento de execución de 48.206,27 €. As obras substituirán a vella área de xogos, de area, por outra máis segura elaborada con caucho reciclado, de efecto amortecedor para a seguridade das crianzas. Así mesmo, estará protexida contra a entrada de cans por elementos disuasorios inofensivos para os animais.

O espazo para adultos, no que se colocarán catro aparatos de exercicio biosaudables, terá superficie de cemento pulido, e contará con dúas entradas adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

Este espazo de lecer súmase aos 56 parques con elementos biosaudables repartidos por todo o Concello de Ourense, e nos que hai instalados un total de 232 aparellos para o exercicio da cidadanía. Entre eles os recentemente instalados nas ribeiras do Miño, con aparatos de calistenia, ou ao Parque Infantil da Alameda do Cruceiro, primeiro parque inclusivo de Galicia, á espera das obras de remodelación da Alameda da Ponte, unha obra redactada polo Concello de Ourense e que executará a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, cun orzamento de 180.000 €.