Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O Concello de Ourense abre o prazo para anotarse nas actividades do Parque Montealegre, unha oferta que comeza esta mesma fin de semana cos obradoiros de Mindfulness, dirixido a público adulto (sábado 25, 18:00 horas), e Hortas infantís (domingo 26 ás 11:00 horas, público de 5 a 12 anos). Todas as actividades son gratuítas. É aconsellable a preinscrición, xa que o aforo é limitado a 30 prazas, no caso das actividades para persoas adultas, e de 15, no caso das infantís. Pode facerse a través do espazo web Botánico de Montealegre ou chamando ao teléfono da Concellería de Medio Ambiente 988.388.135.

As actividades queren achegarlles á veciñanza de Ourense o seu medio máis próximo e, ao tempo, fomentar os hábitos de vida saudables e o lecer en familia. A empresa concesionaria desenvolve os obradoiros dirixidos a dous públicos moi concretos: infantil e adulto. As actividades para o público infantil serán os domingos ás 11:00 da mañá, e as actividades para o público adulto, os sábados ás 18:00 horas.

Actividades infantís

26 de maio, 2 e 30 de xuño 11:00 h. - Hortas infantís (5 a 12 anos)

O cultivo na infancia fomenta a auto estima e aumenta a probabilidade de que a rapazada se alimente de maneira mais saudable ao cultivar as súas propias verduras. A vida é un proceso que segue o seu ritmo natural e que debemos respectar e coidar as plantas para poder recoller os seus froitos

• 9 de xuño 11:00 h - O tesouro de Montealegre (+5 anos)

Un xogo moi completo que educa a cativada en valores moi diversos: o xogo na natureza, o traballo en equipo, a creatividade, a imaxinación e os valores ambientais para conseguir o tesouro.

• 23 xuño 11:00 h - Obradoiro de reciclaxe de papel (+3 anos)

Nunha primeira fase explicarase a reciclaxe, tipos de reciclaxe. Ao final abrirase unha quenda de preguntas e respostas. A continuación farase todo o proceso de reciclado de papel de periódico.

Actividades para persoas adultas (+12 anos)

• 25 maio 18:00 h - Iniciación as técnicas de meditación mindfulness.

Esta actividade é unha clase de iniciación á meditación mindfulness onde se realizarán técnicas de aprendizaxe e outras actividades conscientes coa finalidade de achegar ao público esta filosofía de vida

• 1 xuño 18:00 h. - Obradoiro de caixas niño para aves.

Para fomentar a sensibilización cara estes animais e a súa importancia proponse a elaboración de caixas niño para colocalas preto da súa casa.

• 8 xuño 18:00 h. - Obradoiro de consumo responsable.

Aprenderanse os conceptos clave do consumo sustentable ambiental e socialmente, de produtos cotiás de alimentación, así como a correcta revalorización e reutilización dos nosos residuos domésticos. A actividade constará de dúas partes, unha sesión informativa sobre os conceptos clave dunha compra responsable (consumo de proximidade, agricultura ecolóxica, etiquetado) e unha fase práctica na que se darán as ferramentas para a toma de decisións sobre onde e que tipo de produtos mercar.