Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O  sábado 8 de xuño volveu entrar en funcionamento a zona de xogos de auga (Splashpad) do Parque Inclusivo da Alameda do Cruceiro. Desde o oito de xuño até o 29 de setembro, esta zona de lecer estará en funcionamento en horario de 18:00 a 21:30 horas, para uso e desfrute de toda a rapazada da cidade. Os técnicos municipais revisaron onte, venres, que os chorros estaban en perfecto funcionamento.

Xunto á tirolina de 44 metros de lonxitude, trátase dunha das propostas máis novidosas e de maior éxito do Parque Inclusivo. Un proxecto que se puxo en marcha o pasado mes de agosto, e que se converteu de xeito inmediato nunha das principais opcións da cidadanía para combater o calor durante os meses de verán.

O parque de xogos acuáticos, denominado tecnicamente Splashpad, é unha proposta froito da colaboración entre os servizos técnicos municipais e unha empresa canadense líder mundial no sector de equipamentos de xogos acuáticos.

O alcalde de Ourense en funcións, Jesús Vázquez, destaca que esta obra “supuxo a rehabilitación dunha zona que estaba degradada no centro da cidade, dándolle resposta a unha vella demanda veciñal e convertendo a contorna nun referente do lecer e esparexamento de pequenos e maiores.”

Vázquez Abad, salienta que “a través desta dotación, o Concello aposta por que as nenas e os nenos de cero a doce anos poidan combater a calor con xogos coma géisers, chorros, canóns e arcos de auga, que gozan de todas as garantías de seguridade; e nun espazo aberto tamén a persoas con mobilidade reducida”.

Así, os 172 metros cadrados de xogos acuáticos foron deseñados para darlles resposta ás necesidades da cativada con problemas de mobilidade. Consiste nun espazo aberto, sen barreiras, bordos, pendentes nin obstáculos, que tamén permite o acceso a persoas que usen cadeira de rodas.

Ademais, para garantir a seguridade dos seus usuarios non existen zonas con profundidade nas que se poida concentrar a auga. Deste xeito, evítanse as situacións de risco por afogamento así como a necesidade de ter que contratar socorristas para supervisar os xogos da cativada.

O Concello transformou un espazo degradado nun referente de ocio para toda a cidadanía, dándolle resposta tamén á necesidade de espazos de encontro para a familia. O Parque Inclusivo supuxo a transformación da contorna grazas a propostas de lecer activo coma a tirolina, unha zona de calistenia e sobre todo, coa apertura desta zona de xogos de auga.

Trátase dun novo concepto de zona de ocio, coa que o Concello quere impulsar entre a cativada experiencias sensoriais que promovan o desenvolvemento das súas capacidades motoras, así como o seu desenvolvemento físico e cognitivo. Pero tamén supón unha proposta para impulsar o xogo en grupo e entre diferentes xeracións.