Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O Concello de Ourense adoptará medidas para evitar que o asentamento de bandadas de estorniños na cidade poidan provocar problemas de saúde na veciñanza, especialmente causados polos seus excrementos. A solución pasaría por incluír aves rapaces que escorrenten estes paxaros do seu hábitat. Segundo as estimacións da Concellería de Medio Ambiente, poderíamos chegar ás 35.000 unidades de estorniños na cidade, “un problema ao que se lle ten que dar solución nun espazo breve de tempo”, en palabras do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, “ante as reiteradas queixas dos veciños das zonas afectadas”.

As inmediacións de Pardo de Cela, a Alameda ou As Lagoas son as zonas máis afectadas polas bandadas de estorniños. Malia que estes cumpren un ciclo de vida -descansan no inverno e desaparecen no verán-, os técnicos de Medio Ambiente realizarán estudos sobre o terreo durante as vindeiras semanas para estudar as medidas máis eficaces.

As decisións serán de tipo ecolóxico, coma a introdución de aguias 'Harris' controladas por un cetreiro para que perciban un perigo real e non se establezan nas zonas verdes urbanas ou e emisión de escintileos acústico-ópticos. E é que as medidas adoptadas anteriormente, sinalan os técnicos, foron ineficaces e ineficientes: a poda selectiva de árbores -que non se podería realizar até o inverno, cando o zume (savia) das árbores está menos activo-, a colocación de falcóns artificiais ou de altofalantes que emitían o son de aves predadoras -desapercibido para os estorniños polo ruído do tráfico rodado- .

Á marxe do ruído que producen, os excrementos provocan mal cheiro e o seu carácter extraordinariamente ácido provoca a abrasión dos materiais onde se asintan -flora, mobiliario urbano, vehículos, roupa, edificios-. Supoñen, ademais, un risco grave de esvaróns para os viandantes en días de choiva.