Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

Tomos somos conscientes de que reciclar é cousa de todos pero á vez debemos dispoñer da infraestrutura adecuada para facelo. Por este motivo, o Concello quere dar a coñecer entre a cidadanía o servizo do Punto Limpo Móbil de Ourense e animar a veciños e veciñas a utilizar este elemento na oferta da reciclaxe, que ten sido pioneiro na comunidade autónoma.

Para o concelleiro de Medio Ambiente e tenente de alcalde Jorge Pumar, este servizo é “unha clara aposta por facilitar a comodidade na reciclaxe na cidade. Somos conscientes que comodidade e proximidade son dous binomios claves á hora de alcanzar o éxito nas cifras de reciclaxe. Ademais, este servizo facilita a retirada dos fogares ourensáns de residuos que poden chegar a ser perigosos para a nosa saúde ou para a nosa contorna natural”, lembra Pumar.

O Punto Limpo Móbil é un servizo máis que presta a Concellería de Medio Ambiente para a xestión de residuos na cidade. Permite reciclar os vellos aparellos eléctricos ou electrónicos que están ocupando un espazo na casa, ou elementos cotiáns como lámpadas, ou roupa. Tamén se recollen nos puntos limpos elementos como aceites usados vexetais, de automoción, ou restos de pintura e botes, vellos vidros, ou restos de madeira.

Son residuos que, como forman parte da nosa vida cotiá, adoitamos almacenar con despreocupación nas vendas e que poden chegar a ser considerados residuos con certo grao de perigo. Caso das vellas radiografías, aerosois, botes con pintura, pilas, lámpadas e fluorescentes ou aceite usados, que en todo caso deben ser tratados cunha xestión e reciclaxe adecuados para preservar a nosa contorna natural. Como exemplo, unha pila pode contaminar ata 3.000 litros de auga, ou un litro de aceite usado pode malograr ata 1.000 de auga.

Para dar resposta á xestión deste tipo de residuos nos fogares naceu o servizo do Punto Limpo Móbil cuxa función é recollelos para o seu adecuado tratamento. O Punto Limpo Móbil caracterízase pola súa versatilidade e por admitir unha ampla gama de residuos nos seus diferentes compartimentos, feito que permite ser unha excelente ferramenta nos núcleos urbanos e rurais.

O servizo de Punto Limpo Móbil facilita o traslado ao desprazarse cun calendario e horario establecido pola trama da cidade. Este servizo barrio a barrio, que tamén inclúe as zonas do rural ourensán, pon ao alcance da cidadanía unha iniciativa que permite reciclar todos os pequenos residuos xerados no fogar que non sabemos como eliminar, sen necesidade de desprazarse a un punto limpo fixo. O vehículo conta con contedores separados para asegurar a clasificación e o transporte de cada tipo de residuos e asegurar así a súa xestión adecuada.

Podemos levar ao Limpo Móbil aqueles pequenos residuos domésticos, como aparellos eléctricos e electrónicos, pilas, mobles e residuos voluminosos domésticos, papel e cartón, radiografías, restos de pintura, tintas e disolventes, aerosois, lámpadas e tubos fluorescentes, vidro plano, aceite usado de automoción, roupa e calzado, madeiras, metais e aceite usado vexetal.