Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O Concello de Ourense celebra este venres, 5 de xuño, o día Mundial do Medio Ambiente, cunha serie de eventos organizados desde a Concellería de Medio Ambiente. Pola mañá visitarase a Sobreira do Loña, a única árbore da cidade presente no catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, e que cos seus máis de 400 anos é “o noso veciño máis lendario”, en palabras do concelleiro e tenente de alcalde, Jorge Pumar. A árbore elévase maxestosamente no barrio das Lagoas, á beira da igrexa de Cristo Rei.

Durante a visita, Jorge Pumar anunciou que o Concello foi recentemente elixido como beneficiario dunha axuda da Xunta de Galicia que permitirá a conservación e posta en valor deste emblemático monumento de beleza natural que crece desde fai máis de catro séculos na nosa cidade.

Pola tarde, os protagonistas serán os nenos no parque de Montealegre, onde gozarán do descubrimento da Natureza: coñecerán a súa fauna e flora de primeira man, e gozarán dunha merenda sostible baixo a 'filosofía do quilómetro cero'. A actividade rematará cun conta contos e a entrega de diplomas acreditativos.

Os nenos participantes foron elixidos entre aqueles que colaboraron en iniciativas da Concellería ao longo do confinamento, coma nos Xoves de Ciencias. Jorge Pumar destaca que “as vocacións científicas e o respecto ao medio ambiente son dous dos alicerces básicos do meu traballo no Concello. Estes nenos son o noso futuro e serán os verdadeiros impulsores dunha cidade máis verde, máis limpa e máis sostible.”

Xardineiras. Este día sinalado foi tamén o elixido pola Concellería de Medio Ambiente para o regreso do parque de xardineiras xigantes á trama urbana da cidade, logo dunha posta a punto e de renovación do seu ornamento floral. Esta iniciativa forma parte dos traballos de mellora da estética da cidade, que se están realizando ao longo destas últimas semanas promovidos polo tenente de alcalde, Jorge Pumar. Estes ornatos urbanos, emprazados nos puntos máis concorridos da cidade, volverán decorados con begonias, ledicias e xeranios.