Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O Concello de Ourense iniciou o plan de limpeza das obras culturais das rúas de Ourense. Un plan que nace da iniciativa do tenente de alcalde, Jorge Pumar, que llo solicitou á empresa concesionaria da limpeza, Ecourense. Os traballos contratáronselles a unha empresa especializada na protección e conservación de arte, con experiencia contrastada neste tipo de labores.

Para o tenente de alcalde, Jorge Pumar, “esta actuación está en liña coas accións que se están levando a cabo desde a Concellería para mellorar a estética da cidade, coa fin de poñer en valor Ourense como unha cidade agradable para pasear e visitar, axudando a recuperar o seu pulso social e económico”.

O plan de limpeza Cultura na rúa actuará sobre 18 das estatuas e obras de arte máis significativas da cidade para a súa posta en valor e mellora da súa conservación. Os traballos consistirán nunha limpeza exhaustiva das obras, na que se utilizarán mesturas de produtos de limpeza respectuosas cos materiais das esculturas, e empregando a maquinaria adecuada para os distintos tamaños e composicións de cada obra. O equipo de traballo de limpeza de Ecourense prestará especial atención ás manchas provocadas por pintadas innecesarias no material das esculturas. Todos os produtos e técnicas a utilizar nos traballos de limpeza serán respectuosos co medio ambiente.

As actuacións concentrásense en obras de arte situadas na trama urbana da cidade tan significadas para os ourensáns, coma a estatua que representa San Rosendo, de Xosé Cid, ou a figura do Anxo Caído, que ocupa un lugar preferente no parque de San Lazaro, obra de Francisco Asorey. Tamén o Nexus VI, de Xosé Luís Carreira, na avenida Pardo de Cela, ou a obra de Concepción Arenal, de Aniceto Mariñas, son algunhas das obras escultóricas sobre as que se vai a actuar.

Jorge Pumar indica que “estas actuacións darán impulso e poñerán en valor o patrimonio cultural urbano da cidade. E, á vez, espero que axuden á concienciación, respecto e civismo cara ao traballo e a figura dos artistas. Lembremos que a cidade é de todos e debemos coidala; non podemos permitirnos actos incívicos”.