Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

A Xunta de Galicia e o Concello de Ourense colaborarán na limpeza de máis de 15.000 parcelas rurais de Ourense en risco de incendio. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, formalizou o pasado 12 de xullo de 2019, a adhesión ao Convenio de Colaboración subscrito por iniciativa da Concellería de Medio Ambiente en agosto de 2018 entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga) en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, de modo que o Concello de Ourense poida establecer un sistema público de xestión da biomasa no ámbito rural.

A Xunta de Galicia, pola súa banda, fixara o 16 de xullo como data tope para a obrigatoriedade de xestionar a biomasa vexetal e de retirar especies arbóreas prohibidas nas faixas secundarias. Grazas ao convenio asinado polo Concello de Ourense permitirase, pois, a cooperación entre administracións para acometer tarefas de interese público que permitirá a prevención e defensa contra os incendios forestais.

O Concello de Ourense conta con máis de 43.000 parcelas incluídas nese caso -emprazadas nas faixas secundarias cuxa limpeza era obrigada antes do 16 de xullo-, das que máis de 15.000 atópanse incluídas dentro das denominadas parroquias “priorizadas”: zonas que polo alto número de incendios ou o elevado número de hectáreas queimadas son merecedoras de actuacións diferenciadas. No Concello existen seis parroquias con esa denominación: Vilar de Astrés, Arrabaldo, Cudeiro, Ourense, Palmés e Velle, cunha superficie de actuación superior ás 940 hectáreas (1ha – 10.000m2).

Grazas ao convenio, as persoas responsables desas 15.000 parcelas poderán formalizar un contrato co Seaga para a xestión da biomasa vexetal (roza da maleza) e para a retirada das especies prohibidas (piñeiros, acacias e eucaliptos) por un importe anual de 350 euros/ hectárea. É dicir, o propietario dunha parcela de 400 m2 só terá que pagar 14 euros ao ano.

Inspección municipal. O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente e Perímetro Rural, realizará tarefas de inspección para comprobar que se xestionou de forma adecuada a biomasa vexetal e a retirada de especies prohibidas as parcelas incluídas nas faixas secundarias, chegando a impoñer sancións en caso de incumprimentos. O procedemento de actuación en caso de ter constancia dun posible incumprimento é o seguinte:

  1. Inspección para comprobar se a parcela se atopa dentro das faixas e o nivel e alcance dos incumprimentos, se existen.
  2. Identificación das persoas responsables do cumprimento dos deberes de xestión da biomasa vexetal e da retirada de especies arbóreas.
  3. Elaboración técnica da documentación necesaria para o procedemento de notificacións.
  4. Comunicación e requirimento á persoa responsable.
  5. Elaboración técnica do anuncio para ser publicado no DOG e BOE con indicación dos datos catastrais da parcela cando non se poida determinar a identidade das persoas responsables ou resulte infrutuosa a comunicación.
  6. Establecemento dun prazo para a xestión da biomasa vexetal e retirada de especies prohibidas.
  7. Cumpridos os prazos das notificacións ou publicacións procederase a levar a cabo unha nova inspección para comprobar o cumprimento ou incumprimento dos deberes de xestionar a biomasa vexetal e retirada de especies prohibidas.
  8. Se existe persistencia no incumprimento, iniciarase un expediente sancionador e a execución subsidiaria dos traballos.