Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

Ante a proximidade do verán, e coa finalidade de previr os incendios forestais, o Concello de Ourense lémbralles ás persoas titulares de terreos que teñen a obriga de xestionar a biomasa vexetal nos termos que define a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDCIF). O prazo fixado pola Xunta de Galicia para cumprir con esta obriga rematará o día 31 de maio de 2021.

Transcorridos os prazos sen que a persoa responsable xestione a biomasa ou retire as especies arbóreas prohibidas, o Concello poderá proceder á execución subsidiaria sen prexuízo da repercusión dos custos. As sancións por incumprir a Lei van até os 1.000 euros se a infracción é leve, ou até os 100.000 se é grave.

A principal novidade desta temporada é que, en virtude do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e a SEAGA, a Administración Autonómica realizará estes traballos en parcelas situadas en 6 parroquias do termo municipal que se cualifican de prioritarias, sempre que os titulares llo soliciten. Trátase das parroquias de Ourense (arredor do núcleo urbano), Vilar de Astrés, Arrabaldo, Cudeiro, Palmés e Velle, zonas que se priorizan polo número de incendios e hectáreas afectadas nos últimos anos. O servizo é voluntario para as persoas responsables de xestionar a biomasa e efectuarase a través dos concellos. As persoas interesadas deberán aboar unha tarifa de 350 euros por hectárea e anualidade. Por exemplo: o custo dunha actuación nunha parcela de 1.000 m2 sería de 35 euros.

As faixas secundarias e parroquias priorizadas pódense consultar desde hoxe na páxina web do Concello.

Máis información, na Concellería de Medio Ambiente, na Praza de San Martiño núm. 2, terceiro andar, teléfono 988 388 135.

Normativa de prevención de incendios
A normativa establece unhas condicións de prevención específicas para as denominadas redes secundarias de faixas de xestión de biomasa, cuxa función prioritaria é a protección dos núcleos de poboación, infraestruturas, equipamentos sociais, zonas edificadas, parques e polígonos industriais.

A lei obriga as persoas propietarias a xestionar a biomasa vexetal:

  • nunha franxa de 50 metros do perímetro ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable,
  • arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte, e
  • arredor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte.

Con carácter xeral, na mesma franxa de 50 metros non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira, coma o eucalipto, a acacia ou diferentes variedades de pino, entre outras.

En caso de incumprimento, o Concello pode proceder á execución subsidiaria e repercutir os custos de xestión da biomasa e, se é o caso, comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas.

DOCUMENTACIÓN