Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Medio Ambiente

Áreas

O Concello de Ourense súmase a Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en España, na súa campaña “Recicla vidro por elas”. Unha iniciativa que ten como obxectivo mobilizar aos cidadáns para reciclar envases de vidro e contribuír así cunha causa solidaria: sumar esforzos fronte ao cancro de mama. Durante os próximos días, 2 iglús rosas estarán nun lateral da Praza Maior coa intención de transformar os envases depositados neles nunha doazón á Fundación Sandra Ibarra de Solidariedade Fronte ao Cancro. A fin dos fondos será financiar a investigación contra o cancro de mama.

Á presentación acudiron representantes do goberno municipal, como a concelleira de Política Social, Igualdade e Sanidade, Eugenia Díaz Abella, ou o edil de Medio Ambiente e tenente de alcalde, Jorge Pumar, quen destacou na presentación que “son xestos como estes os que suman para traballar na información e na sensibilización acerca desta enfermidade e cos que queremos darlle apoio a todas as mulleres que a sofren: cada ano diagnostícanse 300 novos casos en Ourense de cancro de mama”.

“En Ourense reciclamos quince quilos por habitante en 2018”, afirmou Pumar. “Esta campaña é unha oportunidade para que os nosos habituais actos de sustentabilidade sexan tamén actos de solidariedade con todas as mulleres e familias que o sofren”, dixo.

Segundo os últimos datos, relativos a 2018, os habitantes de Ourense reciclaron un total de 1.585.660 quilogramos de envases de vidro, o que supón que cada habitante reciclou de media 15 quilos. Respecto a a taxa de conterización, a nosa cidade sitúase cunha media de 223 habitantes por contedor, contando cun total de 473 iglús para os residuos de envases de vidro instalados.