Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Participación cidadá

Áreas

Ourense, 09 de abril de 2018.

O Concello de Ourense ven de presentar a campaña Stop Velutina, un programa de información e prevención para que as asociacións veciñais da cidade aprendan como actuar cando se atopen un niño de avespa asiática.

O concelleiro de Participación Cidadá, Carlos Campos, presentou este luns no salón de plenos “un proxecto moi necesario”, que conta coa colaboración da Universidade de Vigo; o servizo de Emerxencias da Xunta de Galicia e a Agrupación Apícola de Galicia.

Campos explicou que o programa que se pon en marcha esta semana quere “actuar contra a proliferación de niños”, antes de que chegue o bo tempo e as novas raíñas abandonen os avespeiros para crear novas colonias.

“Para saber como actuar haberá unha serie de charlas a cargo de membros do corpo de bombeiros, expertos da Facultade de Ciencias de Universidade de Vigo e técnicos da Agrupación Apícola de Galicia”, explicou o edil.

Nas charlas se informará aos veciños sobre como identificar os niños de velutinas e se lles remitirá para que cando atopen algún avisen ao 112 ou ao 012, que serán os que retiren os avespeiros.

Manuel Ferreira, do servizo de Bombeiros de Ourense explicou que o pasado ano se retiraron na cidade “en torno a 80 niños”, dos que 42 foron retirados polos bombeiros.

Na súa intervención sinalou que as charlas tamén servirán para ensinar ás asociacións veciñais como elaborar trampas para capturar raíñas aproveitando que co bo tempo saen dos niños nos que estiveron invernando.

Nesta mesma liña incidiu Mónica López, técnica da Agrupación Apícola de Galicia, que explicou que “por moi pouco diñeiro” se poden montar estas “trampas”, con produtos ao alcance de todos “coma mel, vinagre e auga”.

Pola súa banda José Oliver Reboredo, xefe do servizo provincial de Emerxencias da Xunta, destacou a “importancia deste tipo de actividades en todos os concellos que queiran colaborar” para facer fronte a unha especie que o pasado ano estivo detrás de 24.000 incidencias en toda Galicia.

Dende Emerxencias de Galicia tamén se confirmou un aumento dos avisos en Ourense, pasando de 64 en 2015 a 990 en 2017.