Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Promoción Económica, Industria e Emprego

Áreas

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, remitiulle unha carta ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez para reivindicar a implantación no campus de Ourense do Grao de Intelixencia Artificial como nova titulación universitaria de Galicia para o curso 2022-2023.

Na súa misiva, o rexedor lembra que “desde o Concello de Ourense impulsamos a creación e desenvolvemento dun Centro de Intelixencia Artificial que pretende ser unha referencia tanto nacional como internacional”. Por este motivo, asegura, “consideramos que sería un apoio fundamental para a súa consolidación que se poida implantar un Grao de Intelixencia Artificial no Campus de Ourense”.

Entre os puntos fortes que avalan esta proposta, o alcalde subliña que “foi a Escola Superior de Enxeñería Informática a primeira en mostrar o seu interese formalmente por esta titulación; contan unha experiencia de máis de 30 anos en estudos de Enxeñería Informática; o perfil tecnolóxico encaixa coa Universidade de Vigo, enfocada no campo da tecnoloxía; e por último, a implantación desta titulación harmonizaría en Ourense as políticas académicas coas doutras administracións”. Motivos estes polos que o alcalde conclúe que agarda “contar co respaldo da Xunta de Galicia”.

Máximas facilidades

O goberno municipal ten a firme vontade de involucrarse plenamente no desenvolvemento deste proxecto dando as “máximas facilidades” para que se leve a cabo. Neste senso, o alcalde asegurou esta mañá que o Concello estaría tamén en disposición de colaborar na construción do novo edificio que acollería a nova titulación universitaria achegando terreos para a súa edificación ou colaborando economicamente na execución das obras.