Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Promoción Económica, Industria e Emprego

Áreas

O Concello aboaralles o pago de sete cotas aos autónomos ourensáns, correspondentes aos meses de xuño a decembro de 2020, ambos incluídos, para axudar mitigar os “graves prexuízos logo do cesamento da súa actividade”, segundo anunciou esta mesma mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. É unha das medidas que pretenden paliar os efectos negativos pola situación de alarma decretada polo virus COVID-19, despois de que se tomase a decisión de destinar 20 millóns de euros das arcas municipais. “Queremos asumir un compromiso de responsabilidade e solidariedade cos autónomos, o pequeno comercio e as pemes ourensás”, sentencia o rexedor.

A finais do presente mes, adianta Pérez Jácome, comunicaranse de forma oficial as bases para poder acceder a estas axudas directas, que rondarán os 2.000 euros para cada un dos afectados, que unicamente deberán encher un formulario e presentar a documentación requirida. “Aínda que queiramos que sexa o máis rápido posible, o procedemento burocrático impide que se poidan facer efectivas as axudas até o mes de xuño”, afirma o alcalde, quen recoñece que se debe seguir unha tramitación “marcada polo procedemento administrativo” para dispoñer deses fondos. Entre outros, levalos a pleno, previsiblemente no mes de maio.

Outra das cuestións ás que fai alusión o alcalde Gonzalo Jácome, é que esta axuda é compatible con calquera outra que poidan implantar outras administracións, polo que todas aquelas persoas que cumpran os requisitos das bases poderán recibilas. Así mesmo, considera que se poden facer extensibles a outras profesións liberais, “sempre que cumpran os requisitos”.