Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Promoción Económica, Industria e Emprego

Áreas

O Concello mobilizará 50 millóns de euros en obras para reactivar a economía local. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na comparecencia en que o goberno municipal fixo balance das medidas adoptadas polo Concello desde o inicio da pandemia, e as que vai desenvolver para reactivar a economía da cidade e darlle apoio aos colectivos máis directamente afectados polas consecuencias da pandemia.

“O barco segue adiante”, dixo o alcalde, xa que “a maquinaria está funcionando ben por dentro”. Así, avanzou o próximo peche do exercicio económico do Concello do ano 2019, feito que permitirá utilizar o remanente de tesourería do que dispón o Concello e utilizar eses recursos económicos. Tamén adiantou que o Concello celebrará o día 30 de abril un pleno telemático, no que prevé aprobar definitivamente os Orzamentos de 2020, os primeiros que aprobe o Concello, subliñou, en 6 anos.

O alcalde compareceu acompañado por Jorge Pumar, tenente de alcalde; Miguel Caride, voceiro do grupo de goberno; e Eugenia Díaz Abella, concelleira de Política Social.

O goberno municipal é consciente da dificultade do momento actual e do que virá despois, marcado pola recesión económica e a perda de emprego a nivel nacional e internacional. Neste escenario, explicou o alcalde, o Concello porá todo o seu esforzo na axuda aos colectivos máis desfavorecidos e realizará unha forte aposta por fortalecer o gasto social e desenvolverá un ambicioso programa de axudas aos autónomos. Con el espera chegar a 7-8.000 persoas, e concederlles a maior axuda por autónomo que se dá en España (uns 2.000 euros por autónomo).

Especialmente salientable será o investimento en obras, que ascenderá a uns 50 millóns de euros nun prazo de 24-30 meses, dixo o alcalde, quen apuntou que a execución dos proxectos reportará mellores servizos e infraestruturas para a cidadanía e dinamizará a economía. Será, dixo, “un auténtico balón de oxíxeno”. Entre estas obras, subliñou as escaleiras mecánicas, un túnel, parques disuasorios, o inicio do parque acuático termal, a renovación de todos os contedores da cidade, soterrados e en superficie, a aprobación dun novo prego de condicións para adxudicar o servizo de limpeza e recollida de residuos na cidade, a renovación e mellora da iluminación da cidade ou os proxectos de humanización de rúas.

O alcalde e o goberno municipal agradeceron o traballo de todas as áreas municipais, voluntariado e empresas concesionarias de servizos municipais para facerlle fronte á pandemia e ás súas consecuencias

A concelleira de Política Social subliñou o importante traballo realizado desde as áreas de Política Social e Sanidade, fortemente afectadas pola pandemia e lembrou que o Concello ten abertos hoxe 4 albergues de acollida a persoas sen teito: o habitual da Praza do Trigo, os acondicionados nos albergues de peregrinos da Barreira e San Francisco, e o pavillón de Oira, neste caso para persoas sen teito positivos en COVID-19.

O edil de Infraestruturas, Miguel Caride, destacou o gran traballo das empresas concesionarias de servizos como autobuses urbanos e auga, e detallou os plans de obras que prevé desenvolver o Concello: Obras que estaban pendentes que se consideran esenciais e novos proxectos; mellora da de rede de auga, reposición de aglomerados asfálticos, beirarrúas e calzadas, melloras de accesibilidade horizontal e vertical, desenvolvemento do plan de mobilidade, mellora do mobiliario público ou da eficiencia enerxética.

O tenente de alcalde Jorge Pumar explicou o importante traballo realizado desde as diferentes áreas municipais, actuando, ”como debemos, como unha administración próxima”, e dándolle prioridade á saúde das persoas. Tamén destacou medidas coma a modificación do calendario fiscal, ou que, a pesar da pandemia, o Concello está a realizar pagamentos de 3 millóns de euros a provedores durante estas semanas. Tamén subliñou o traballo realizado polos voluntarios que traballaron na elaboración de equipos de protección en La Molinera.