Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Promoción Económica, Industria e Emprego

Áreas

O concelleiro de Promoción Económica, Jorge Pumar, fixo entrega  dos diplomas ás 47 persoas que participaron na primeira edición do campamento tecnolóxico e interxeracional “Yes I Camp”, unha iniciativa que foi seleccionada pola Fundación COTEC entre máis de 2.000 propostas e a única seleccionada que foi impulsada por unha administración pública.

“Yes I Camp” ofreceu competencias tecnolóxica a 47 participantes, 30 deles maiores de 55 anos, e o resto con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, pero que contan con coñecementos tecnolóxicos.

“Esta iniciativa supuxo unha aposta por aproveitar a creatividade e a enerxía da mocidade e conxugala coa experiencia e as habilidades dos máis maiores, pemitiunos ver a netos e abós compartindo coñecementos, experiencias e proxectos”, destacou o concelleiro de Promoción Económica Jorge Pumar, que foi o encargado de entregar os diplomas ao alumnado.

Na súa intervención, o concelleiro de Promoción Económica destacou os importantes resultados acadados e confirmou a súa intención de que esta actividade poida contar con máis edicións.

Pero o programa non remata, porque  a páxina web de La Molinera (www.lamolinera.net/yesicamp) fai públicas todas as actuacións e actividades do programa, co gallo de que sirva de modelo a outras institucións e entidades que desexen replicar a iniciativa en calquera parte do mundo. Está programado que ofreza esta información en galego, castelán e inglés.

Á entrega de diplomas estaba prevista a asistencia da directora de Educación e Formación da Fundación COTEC, Ainara Zubillaga, quen finalmente non puido acudir por motivos persoais.

Este campamento foi unha idea sinxela, pero tamén revolucionaria, desenvolvida polo persoal funcionario que traballa a diario en La Molinera, e que contou co visto bo da Fundación COTEC. O seu obxectivo principal é o de dar resposta ás dificultades de integración no mercado laboral da xuventude, que se atopa co muro da falta de experiencia; pero tamén axudar aos máis maiores fronte ás dificultades de adaptarse ás novas tecnoloxías.

Así, neste campamento participaron 24 maiores de 55 anos e seis “seniors” acompañados polos seus netos e netas.

A través do traballo en común ambas xeracións estableceron un diálogo que lles axudará a reforzar as súas habilidades, mellorar a organización e planificación das labores en equipo e a achegarse sen complexos ás tecnoloxías máis actuais.

Durante o campamento, os alumnos enfrontáronse a catro retos: un reto de mobilidade, outro social, a construción dun robot e o reto de que os participantes poidan contar a súa experiencia no curso utilizando todas as posibilidades tecnolóxicas e dixitais existentes.