Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Promoción Económica, Industria e Emprego

Áreas

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense acordou na súa xuntanza desta mañá nomear a David Olivieri Cechi como director xeral de Innovación, Tecnoloxía e Intelixencia Artificial do Concello de Ourense. Olivieri será o encargado de dirixir o proxecto do Centro de Intelixencia Artificial que promove o Concello “que vai impulsar a cidade” e será “fundamental no presente e no futuro que se aveciña”, segundo asegura o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen subliña que “ Ourense quere estar na vangarda con este proxecto.

O Concello nomea a Olivieri por ser “a persoa máis capacitada”, explica o alcalde, quen destaca a formación, experiencia e coñecementos de Olivieri, así como a súa condición de doutor profesor no Departamento de Informática do campus de Ourense. “É un top 10 de Galicia, dos científicos con máis publicacións”, di. O primeiro proxecto do novo director xeral será poñer en marcha a convocatoria para a incorporación dos primeiros científicos que traballarán desde este mesmo ano, no Centro de Intelixencia Artificial, nas instalacións de La Molinera.

David Olivieri é licenciado e doutor en Física pola University of Massachusetts, ambos títulos homologados polo Ministerio de Educación, e máster en Fótónica e Tecnoloxía do Láser pola Universidade de Vigo. Obtivo a avaliación positiva pola Axencia da Calidade do Sistema Universitario de Galicia o 22/11/2006, que o cualifica para ser contratado como profesor contratado doutor. Tamén obtivo a cualificación da Axencia Nacional da Avaliación da Calidade e a acreditación como profesor titular de Universidade desde 16/11/2015. Desde o 22/08/2028 é profesor contratado doutor de Linguaxes e Sistemas Informáticos no Departamento de Informática da Universidade de Vigo.

Olivieri acredita una ampla experiencia e publicacións en distintos eidos da intelixencia artificial: computación, informática, recoñecemento de patróns de aprendizaxe automática, bioloxía computacional, etc. Ten experiencia en proxectos colectivos e multidisciplinares de I+D+I e acredita una extensa actividade investigadora e publicacións científicas no ámbito da Innovación tecnolóxica e a intelixencia artificial, sendo director de teses de doutoramento sobre Intelixencia Artificial.

O goberno municipal elixe a Olivieri, segundo precisa o acordo da xunta de goberno, por “cumprir cos requisitos establecidos nas bases e resultar o máis idóneo” dos dous candidatos que se presentaron para desempeñar o posto”, por concorrer na súa persoa o superior nivel de mérito e capacidade en postos, tarefas e función nos que se evidencia o coñecemento e desenvolvemento de función no eido da innovación, desenvolvemento e investigación en materia de novas tecnoloxías, intelixencia artificial, Big Data e a súa aplicación no ámbito do servizo e da administración pública.