Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Recursos humanos

Áreas

O Concello de Ourense disporá dunhas novas bases xerais para a contratación de persoal funcionario interino e temporal que, por vez primeira, contemplan a reserva de prazas para persoas con discapacidade. A proposta destas bases, elaboradas polo Coordinador Xeral, Francisco Cacharro, foron aprobadas pola maioría dos representantes dos traballadores logo de acadarse un acordo coa Mesa Xeral de Negociación, sen votos en contra. 

Trala aprobación do documento polo concelleiro delegado de Recursos Humanos, coas competencias delegadas pola Xunta de Goberno Local, Armando Ojea Bouzo, e polo presidente do Consello Municipal de Deportes, polas competencias que lle son propias, Gonzalo Pérez Jácome, as novas bases entrarán en vigor logo da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Ourense.

Nas novas bases introdúcese expresamente a previsión de medidas para garantir a participación en igualdade das persoas con discapacidade e a protección das vítimas de violencia de xénero. Así, reservarase o 7 % de prazas convocadas para persoas con discapacidade, de modo que se poida contribuír a favorecer a integración social de persoas con diversidade funcional, tendo en conta sobre todo a importancia cuantitativa que pode adquirir o persoal temporal na administración nun contexto de restricións conxunturais ás ofertas de emprego público. 

Establécese, así mesmo, unha reserva do 25 % dos postos das listas de persoal temporal para a súa posible provisión mediante promoción interna, introducindo criterios de mellora de carreira profesional na contratación temporal ou interina, incrementando deste xeito as posibilidades de promoción profesional do persoal funcionario e laboral fixo. Ademais, na promoción interna temporal, non se esixe o requisito de dous anos previos de servizos efectivos. Amais, esta porcentaxe busca atopar un equilibrio entre as demandas do persoal do Concello e os dereitos de oportunidade de acceso ao emprego público do resto da cidadanía.

No tocante aos tribunais de selección, prevese que dous dos vogais que os conformen sexan designados a proposta dos órganos unitarios de representación do persoal, sen prexuízo do carácter técnico e independente do tribunal e dos seus membros. 

Outra achega importante a estas bases consiste na dotación de maiores garantías no procedemento de chamamento para nomeamentos ou contratación, mediante o sistema de publicación do chamamento na sede electrónica (feito que proporcionará unha constancia fidedigna da data de realización do chamamento). Ademais, e para garantir o coñecemento do chamamento polos interesados, refórzase coa obrigatoriedade de realizar un aviso aos interesados mediante un sistema de alertas: correo electrónico ou mensaxería instantánea. 

Estas bases serán de aplicación conxunta para o Concello de Ourense e o Consello Municipal de Deportes, e exceptuaranse aqueles procesos selectivos para a realización de contratos laborais con persoas físicas no marco de relacións de cooperación ou colaboración con outras administracións públicas.

Sistema de listas

Os procedementos de selección artéllanse mediante a formación de listas ordenadas, diferenciando dous sistemas para a súa formación: en primeiro lugar, e con carácter preferente, a partir dos resultados dos procesos selectivos de persoal fixo realizados nos tres anos anteriores; e, en segundo lugar, en defecto do anterior, mediante procedementos especificamente dirixidos á formación das listas de candidatos.

Respecto á formación de listas a partir dos resultados dos procesos selectivos de persoal fixo, prevese que a formación de listas sexa de aplicación tamén aos procesos selectivos de promoción interna.

Con respecto aos procedementos específicos as novas bases admiten a posibilidade de calquera dos tres sistemas previstos no noso ordenamento (oposición, concurso – oposición ou concurso) podendo optarse de forma motivada por calquera dos tres en función das características das prazas convocadas.

Prevese tamén a posibilidade de realizar probas de aptitude física ou psicotécnica, así como de coñecemento da lingua galega no caso de que este non sexa acreditado de forma documental.

Atendendo a natureza temporal destas prazas, procurase axilizar e simplificar os procesos de oposición, limitando o tipo de probas a un máximo de dúas, debendo ser en todo caso unha proba de carácter obxectivo e/ou unha proba de carácter práctico.

Cando o sistema de selección escollido sexa o concurso, para formar parte das listas será necesario acadar cando menos o 5 % da puntuación máxima establecida e procúrase definir con maior precisión o contido dos baremos, acoutando a puntuación dos méritos de formación, e procurando que a ponderación relativa máxima dos diferentes tipos de mérito (formación/experiencia) sexa equilibrada. Como novidades a destacar neste ámbito, en canto a formación, recupérase a valoración de titulacións de nivel superior diferentes a esixida e a baremación dos cursos farase asignado unha puntuación por hora, e non por tramos; respecto a experiencia, valorarase, en determinados casos, a experiencia na prestación de servizos de profesionais autónomos, é dicir, cando sexa aconsellable pola natureza das prazas convocadas, non polo tempo de alta no RETA, amais da de traballadores por conta allea, públicos ou privados.

Por último, unifícase o prazo de vixencia das listas en tres anos e prevese a posibilidade da súa prórroga expresa por un ano, se ben condicionada a que no mesmo acto se aprobe a convocatoria dun novo procedemento para a renovación da lista.