Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Sanidade

Áreas

O Concello de Ourense aprobou o Proxecto de reforma e adaptación á normativa vixente da Canceira Municipal, unha obra que contará cun orzamento de preto de 220.000 euros, e que vai supoñer unha gran transformación das actuais instalacións co obxectivo de mellorar a atención que reciben os animais acollidos nestas instalacións, así como a súa seguridade.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destaca que “se trata dun paso moi importante que confirma o noso firme compromiso por mellorar as condicións nas que se atopan os animais acollidos nestas instalacións”. Así, recordou que durante o actual mandato, no ano 2016, “investimos máis de 70.000 euros en melloras, pero agora damos un paso definitivo para que os cans e gatos abandonados reciban unha atención completa en materia de coidados e saúde e adaptada á normativa existente”.
Así o confirmou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, na que se aprobou esta cuestión e tratáronse un total de 11 asuntos achegados por diferentes áreas municipais.
As obras suporán un importante incremento das canceiras individuais para aloxar os cans, que pasarán de preto de 60 a máis dun centenar. Deste xeito asegúrase que os animais conten cun espazo individual para evitar que se produzan pelexas entre eles nas zonas comúns. Ademais estas canceiras estarán en espazos diferentes para permitir que se poidan separar para evitar contaxios ou no caso de que sexan animais de razas perigosas para facer máis sinxelo o seu control.
O proxecto tamén contempla a execución dun quirófano de 12 metros cadrados; de dous almacéns para almacenaxe de ferramentas, comida ou material de traballo; a execución dun muro de peche; a demolición da incineradora, que xa non se estaba a empregar; e o repintado dos muros de separación entre os patios e corredores, así como a eliminación de humidades.
A obra complétase coa cubrición dos módulos para cans situados na zona Norte da Canceira Municipal; a creación dun paso cuberto para protexer da chuvia aos traballadores; e a colocación de cubertas na parte destinada a albergar aos gatos.
“Con este proxecto, o Concello de Ourense dá resposta a unha demanda social, que fixemos nosa dende o primeiro momento, para mellorar as condicións nas que se atopan os animais acollidos nestas instalacións”, explicou o alcalde Jesús Vázquez.
O tempo de execución das obras estará situado entorno a catro ou cinco meses, un prazo establecido tendo en conta a necesidade de coordinar a labor dos encargados da canceira coa dos obreiros encargados da reforma, de xeito que non afecte ao traballo habitual que se está a facer cos animais abandonados.

Plano do proxecto proxecto_canceira.jpg