Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Seguridade cidadá

Áreas

A intervención dos bombeiros do Concello de Ourense foi requirida, durante o ano 2020, un total de 1197 veces. De todas estas demandas, 1.062 remataron cunha intervención do corpo de bombeiros, o que representa un 82,72% das veces, 68 resultaron ser falsas alarmas (5,68%) e en 71 ocasións non foi necesaria a súa participación (5,93%).

Os meses más activos foron os de abril, maio e xuño, nos que os bombeiros, ademais das súas tarefas habituais, realizaron un total de 344 intervencións consistentes na desinfección de espazos debido a pandemia da COVID, especialmente nos dous primeiros meses citados (con 172 e 144 saídas, respectivamente).

Dentro deste mesmo grupo, asistencias técnicas, as outras actuacións máis realizadas foron a retirada de himenópteros -insectos- (159), acceso a vivendas (77), saneamento de calzadas (69), retirada de árbores ou ramas (55) ou por risco eléctrico (15), entre outras.

No referente a incendios, foron requiridos para un total de 211 actuacións, das que 91 foron por incendios en edificacións, 32 por incendios en mobiliario urbano, 31 por fugas de gas e 25 por incendios en vehículos.

Realizáronse un total de 92 rescates, a maioría no medio urbano (47). Do total de rescates realizados 27 foron de animais e 6 de persoas atrapadas en ascensores.

Por último, os bombeiros tamén realizaron actividades de prevención, consistentes na formación e divulgación, realización de plans de emerxencia, simulacros, verificación de accesos e instalacións e a realización de informes técnicos. Esta última foi a actuación máis repetida neste apartado cun total de 103 informes técnicos realizados durante o ano 2020.