Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Seguridade cidadá

Áreas

A rúa Pardo de Cela permanecerá pechada ao tráfico desde a noite do venres, 21 de xuño, ás 24:00 horas, até o vindeiro domingo, 30 de xuño, para acoller as atraccións feirais das Festas de Ourense 2019. Instalaranse un total de 24 barracas e 10 postos de venda ambulante ao longo desta rúa, que se converterá así nun dos enclaves de lecer para a veciñanza e moi especialmente para a cativada

As restricións do tráfico produciranse en diferentes puntos da rúa: á altura da rotonda do Nexus VI, que permanecerá dando servizo ao tráfico procedente da Ponte do Milenio e desviando este cara ao barrio do Couto; no fondo da rúa Jesús Soria, anulando o acceso desde o barrio do Couto á rotonda do Pavillón dos Remedios; e á altura dos Salesianos, impedindo que o tráfico procedente de Sáenz Díez e Avenida da Habana poida acceder á rúa Pardo de Cela.

A Policía Local colocará paneis informativos en diferentes puntos da cidade avisando destes cortes de tráfico, así como informando dos desvíos provisionais correspondentes. Desde o Concello proponse empregar itinerarios alternativos, tanto para a entrada e saída da cidade como para a conexión entre o barrio da Ponte e o resto da cidade.

Cortes tamén na rúa do Progreso

A rúa do Progreso tamén sufrirá cortes de tráfico para acoller o escenario para as orquestras. Serán o sábado 22, o sábado 29 e domingo 30 de xuño. As restricións comezarán a partir das 15:00 horas na glorieta de San Rosendo, podendo rodear o centro da cidade por Ervedelo ou pola rúa Concordia, e á altura da Alameda, desviando o tráfico cara á Praza de Abastos.

O Concello de Ourense solicítalle á cidadanía comprensión e prégalle desculpas polas molestas que poidan ocasionar os cortes de tráfico durante as celebracións das Festas.