Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Seguridade cidadá

Áreas

“Os bolardos asasinos son historia”, asegurou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, tras dar a orde, esta mañá, de desactivar os bolardos que controlaban o acceso de vehículos ao centro histórico da cidade. Deixa de funcionar, xa que logo, un sistema “atroz -dixo- que nunca se tería que ter posto en funcionamento”, lembrando que nas case dúas décadas deu lugar a 1.500 incidencias, ocasionando desfeitas a vehículos, lesións a persoas e reclamacións de indemnizacións ao Concello. “Por iso os chamábamos bolardos asasinos, porque atacaban vehículos e persoas”, dixo o alcalde, quen lembrou que este sistema tampouco “blindaba” o Casco Vello: “había zonas, como a Praza do Bispo Cesáreo, onde non había bolardos, polo que era posible que un vehículo non autorizado accedese á zona”.

O alcalde asegurou que para el é “un honor e un orgullo” levar a cabo esta medida que, lembrou, era unha promesa electoral do seu partido, Democracia Ourensana. Foi el mesmo quen se achegou, ás 13:00 horas, até a confluencia das rúas da Concordia con Santo Domingo para dar en persoa a orde de desactivar o sistema de control de acceso. Momentos despois, un taxi foi o primeiro vehículo en acceder ao centro histórico.

Pérez Jácome lembrou que a desactivación dos bolardos non supón ningún cambio no réxime de acceso de vehículos ao centro histórico da cidade, xa que poderán seguir accedendo os mesmos vehículos que ata hoxe, nin máis nin menos. A partir de agora, o control de acceso será realizado pola Policía Local, e proximamente implementarase un novo sistema de vídeo-vixilancia.
Os bolardos desactiváronse mais non se retiran, xa que poderán ser utilizados puntualmente se nalgún momento resulta preciso por motivos de seguridade.