Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Transporte Público

Áreas


Urbanos de Ourense, concesionaria do transporte colectivo de viaxeiros, en colaboración co Concello de Ourense, ofrece a céntrica liña 6 (6A- Estación Autobuses – Residencia, e 6B - Estación Autobuses - Couto - Residencia) de balde para todos os viaxeiros mañá martes 22 de setembro, co motivo do Día Europeo Sen Coches.

Esta iniciativa enmárcase dentro da Semana Europea da Mobilidade 2020 e ten por obxectivo fomentar o uso do transporte público entre os ourensáns, por ser un dos medios máis sustentables e respectuosos co medio ambiente.

A Semana Europea da Mobilidade ou “European Mobility Week 2020” é unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea e apoiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de España. Nela participan 32 países europeos e 300 cidades españolas, entre as que se atopa Ourense.

O autobús, entre os medios de transporte menos contaminantes
Segundo se desprende dun informe da Confederación Española de Transportes en Autobús (Confebus), o autobús é un dos modos de transporte menos contaminante. En termos de CO2, un pasaxeiro de automóbil e de avión contamina 2,4 veces máis que un pasaxeiro de autobús por viaxeiro e quilómetro percorrido. Así, o autobús é, despois do tren, o modo de transporte terrestre con menores emisións de CO2.

Un aumento no uso do autobús podería reducir drasticamente os problemas de contaminación e conxestión nas cidades. Cada un destes vehículos de transporte colectivo equivale a unha media de 20 turismos, polo que o seu uso evitaría a emisión das 6,7 millóns de toneladas de CO2 que xerarían os mesmos usuarios desprazándose no seu propio vehículo. Un autobús emite 28,4 gramos de CO2 por viaxeiro e quilómetro percorrido, fronte aos 157,5 gramos que emite cada coche particular.