Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Turismo e Termalismo

Áreas

A cidade de Ourense promociona o seu potencial como destino turístico e termal na Feira Internacional do Turismo de Interior, INTUR 2018, un prestixioso certame especializado que se desenvolve na feira de Valladolid desde o día 22 ao 25 de novembro.

Un expositor da Concellería de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense amosa os principais atractivos da cidade nun evento que está recoñecido como unha das citas profesionais de referencia en España, especializada en destinos turísticos de interior, como é a nosa cidade, que o converten nunha excelente oportunidade para establecer contacto directo cos públicos estratéxicos do Concello.

“Ourense non podía deixar de estar presente no principal escaparate do turismo interior en España”, sinala o concelleiro de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense, Jorge Pumar, que resalta “o interese que esperta a nosa cidade como un destino diferenciado do resto das capitais do interior pola súa condición como capital termal”.

O concelleiro de Turismo e Termalismo salientou os “magníficos resultados” que está a obter a nosa cidade coa súa participación neste foro turístico, tal e como reflicten os datos manexados pola oficina de Turismo do Concello de Ourense. “As enquisas que se fan aos nosos visitantes sinalan que os cidadáns da Meseta e os de Madrid son o noso principal público obxectivo. Tamén son os que máis visitan a Feira Internacional do Turismo de Interior de Valladolid.”

Este venres, de 11:00 a 12:00 horas o Concello participa na actividade “Experiencias Singulares”, na que se presenta a campaña “Ourense, #UnPlanPerfecto” e a próxima edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se realizará en Expourense desde o día 6 ao 10 de febreiro de 2019.

Ademais, e para celebrar a participación de Ourense en INTUR, realizarase o sorteo dun paquete turístico Experiencia XANTAR entre todas as persoas que se acheguen ao expositor de Ourense, sito no pavillón 2. O paquete inclúe estadía dunha noite en Ourense, entrada á feira e unha cea ou comida nos restaurantes do salón.

A Concellería de Turismo do Concello de Ourense continúa reforzando a presenza da cidade nos principais eventos do sector que contribúen á promoción da cidade, como é INTUR, ou FITUR, o certame que se realiza en Madrid no que o Concello repetirá presenza de novo no próximo ano 2019, no expositor da Axencia de Turismo de Galicia.