Praza Maior 1 988 388 100 | VOLUNTARIADO, Servizos Básicos. 988 388 133 (de 9 a 14 h)

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Turismo e Termalismo

Áreas

O Concello de Ourense presentarase, en calidade de prexudicado, no proceso xudicial aberto polo incendio na Chavasqueira do 24 de abril de 2019, unha decisión baseada nos informes do Servizo de Extinción de Incendios e nas pescudas da Policía Nacional, que detivo dúas persoas pola presunta execución do lume. O Concello, titular das instalacións, anunciou en sesión ordinaria da xunta de goberno local que será parte demandante no proceso ao considerar que “é un ben público de toda a cidadanía”, e repercute tanto no turismo coma na calidade de vida dos cidadáns, segundo o concelleiro de Turismo e Termalismo, Telmo Ucha.

Ademais deste asunto, a xunta de goberno local tramitou outros 11 expedientes achegados por diferentes áreas e servizos municipais.

Contratación (4). Aprobouse a contratación -en lotes- dun equipo de rescate hidráulico e dun equipo de busca para o servizo de Extinción de Incendios e Salvamento. O total de ambos lotes suma 112.467,88 euros. “Estamos en permanente contacto con bombeiros e policías para mellorar a seguridade da cidade, tanto en persoal como en medios técnicos”, afirma o concelleiro Telmo Ucha, “e cada semana celebramos reunións para escoitarnos”.

Noutra orde de cuestións, apróbase tamén o expediente para contratar a renovación e mantemento das aplicacións informáticas corporativas da área de Economía e Estatística. Estipúlase un prezo de 106.817 euros por cada un dos dous anos do contrato.

Acórdase, finalmente, a prórroga dos contratos do servizo de sinalización horizontal (un ano máis, até xaneiro de 2022, cunha rebaixa do 30% sobre os prezos do contrato orixinal), e o servizo de sinalización vertical (tamén por un ano, até decembro de 2021, cunha baixa do 41,52% respecto ao anterior).

Licenzas (5). Concedéronse licenzas para as obras de reforma e ampliación de dúas vivendas unifamiliares, no Camiño do Castro e no lugar de Roxomil (Velle); para a adaptación de local comercial a uso residencial no 139 da rúa do Progreso;; para obras de desmontaxe do chan nun local da rúa do Progreso; e para a construción dun edificio de vivendas na avenida de Santiago 26-28, cun orzamento de execución de 1,6 millóns de euros.

Aperturas (1). Concedeuse licenza para actividade de carnicería con sala de despece na rúa Marcelo Macías, 58.

Infraestruturas (1). Rectificouse sanción pola vertedura, sen autorización administrativa previa do Organismo de Cuenca, de augas residuais procedentes da rede de saneamento municipal ao leito do río Barbañica en xaneiro de 2019. Así, recoñécese a favor da Confederación Hidrográfica Miño-Sil o dereito a percibir 60,108,00 euros resultantes da sanción da CHMS, de data 13/11/2019, en concepto de multa de 50,000 euros, e 10.108,80 euros polos danos causados.