Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Turismo e Termalismo

Áreas

“Falaremos da accións a prol do turismo termal, pois é a única cidade da delegación que posúe estas singulares características”, di o alcalde.

A nosa delegación viaxa xunto con outras de cidades de interese turístico de España, como Cáceres, Málaga, Oviedo, Córdoba, ou Badaxoz.

Ourense, 21 de abril de 2018.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, viaxará a China para promocionar a nosa cidade como destino turístico de patrimonio e de investimentos no marco do International Mayor's Forum on Tourism, así como para promover o intercambio e a cooperación entre cidades e mellorar o coñecemento sobre China, país que xa se converteu no terceiro destino do mundo. A este encontro de profesionais do turismo, que se celebra na cidade de Zengzhou, tamén asistirán outras cidades de alto valor patrimonial e cultural do noso país como Cáceres, Badaxoz, Málaga, Oviedo, Sevilla, Cuenca, Santa Cruz, Córdoba... entre outras.

“Levamos tempo traballando na internacionalización da cidade e vanse recollendo os froitos”, sinalaba o voceiro do Goberno Municipal, José Araújo, logo da xunta de portavoces, “cada vez temos máis visitantes e os números así o demostran”, dixo. A viaxe, do 25 de maio ao 2 de xuño e sen custe para as arcas municipais, enmárcase nun programa de promoción turística que desenvolve a Asociación da Nova Ruta da Seda, e no programa inclúese unha recepción oficial por parte do alcalde de Beijing, un encontro con empresarios interesados no investimento internacional e a asistencia ao foro de turismo de Zengzhou, na provincia chinesa de Henan.

O alcalde, Jesús Vázquez, adianta que o discurso da nosa cidade versará “en torno ás accións a prol do turismo termal, pois é a única cidade da delegación que posúe estas singulares características”. “O patrimonio e a calidade humana dos veciños de Ourense tamén axudan a que cada vez sexan máis os que nos queren visitar”, conclúe.

Así, cada cidade española terá a oportunidade de facer unha presentación sobre as potencialidades turísticas, as súas estratexias actual para o desenvolvemento do sector e as medidas para a promoción turística exterior. Estas presentacións e promocións serán difundidas en todas as provincias, metrópoles, empresas turísticas e lugares de interese turístico da República Popular Chinesa, incluídas as organizacións turísticas estranxeiras e internacionais con sede en China.

Desde a organización agardan colaborar e compartir esta oportunidade para proxectar a imaxe da cidade a nivel internacional, pero tamén para realizar intercambios técnicos e profesionais, así como para xerar máis visitas de turistas chinos a España, líder mundial no sector turístico.