Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Turismo e Termalismo

Áreas

A concelleira de Turismo, Flora Moure, e o xerente da Unión de Hostaleiros de Ourense (UHO), Javier Outomuro, presentaron esta mañá a edición número 12 do concurso Sabores de Ourense – Pinchos de Outorno, que se desenvolverá do 7 ao 17 de novembro enmarcado na celebración da festa declarada de interese turístico, o Magosto. Organizada pola Concellería de Turismo e Termalismo de Ourense e executada pola (UHO), esta cita gastronómica “convida os residentes e visitantes da cidade a gozar coas máis saborosas receitas elaboradas con cogomelos e castañas, materias primas frescas e de tempada, buscando potenciar así os produtos locais”, relataba Flora Moure.

Nesta edición participarán 53 establecementos -2 máis que en 2018 e 7 máis que en 2017-, dos que 12 fano por primeira vez. A maioría están concentrados na zona dos Viños e no Ensanche, aínda que o barrio da Ponte aparece como alternativa para unha escapada culinaria con 4 locais do outro lado do Miño.

Entre as tendencias desta tempada nos menús destacan as distintas variedades de carnes brancas (parrulo, polo, pavo...); predominan receitas como lasañas, croquetas e espetos; e por primeira vez os bolos recheos fanlle a competencia ás torradas de porco, un clásico da do concurso. A modo de “sorpresa”, haberá varios varios pinchos para comer con culler.

O importe máximo dos pinchos será 2,50 €: “prezos populares ao alcance de todos os petos para que todo o mundo poida saborear estes petiscos”, segundo a edil Flora Moure.

Premios

O pincho gañador do 1º Premio do Xurado desta edición será o representante de Ourense no concurso autonómico De Tapas por Galicia, organizado pola Axencia de Turismo de Galicia. Ourense, representada por A Feiriña, foi a cidade gañadora da edición anterior deste evento. Neste sentido, o xerente da UHO felicitaba os restauradores da cidade: “De tres edicións celebradas, dúas foron gañadas por ourensáns, o que dá boa conta do nivel deste concurso”.

Os premios oficiais do concurso son os 3 outorgados polo xurado profesional, os 3 concedidos polo público e o Premio Pincho Celíaco, pola delegación ourensá da Asociación Galega de Celíacos, ao que optarán todos os pinchos que non empreguen glute na súa elaboración (14 nesta edición). O público que deposite o seu voto (debidamente cuberto con selos de 3 locais distintos) nas urnas colocadas nos establecementos participantes entrará no sorteo de distintos agasallos cos que se premiará a súa fidelidade.

Premio especial do Ribeiro

O presidente do Consello Regulador da DO Ribeiro, Juan Casares, quixo salientar na presentación que tamén haberá premios para os consumidores que mariden o seu pincho cun viño do Ribeiro. E é que para os viños do Ribeiro “Ourense é unha praza estratéxica: parte do Concello está emprazado dentro da DO e a cidade forma parte da ruta dos viños do Ribeiro”.

O cartel desta edición que se presenta foi deseñado por Astrágalo Estudio.

Toda a información sobre locais e pinchos pode consultarse na web específica habilitada dentro da portal da Concellería de Turismo, no enderezo Sabores de Ourense