Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Turismo e Termalismo

Áreas

O venres, 19 de xaneiro, tivo lugar no stand de Galicia da Feria Internacional de Turismo de Madrid a presentación turística da cidade de As Burgas, nun acto que contou con Sergio Pazos como mestre de cerimonias, con Adriana Domínguez como madriña e coas intervencións do alcalde, Jesús Vázquez; da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e do concelleiro de Turismo, Jorge Pumar. Ao remate, o vixente Mellor Chef de Tapas de Galicia, Miguel González Quintela, preparou un pincho especial para o público asistente elaborado con auga de As Burgas.

Os asistentes a FITUR descubriron hai 365 días o “Plan Perfecto” que supoñía visitar Ourense. Ese plan perfecto evolucionou, triunfou e Ourense está de moda. “A Capital Termal de Galicia é un destino á alza, sorprendente e atractivo. Quen o coñece, repite. Quen o visita, recoméndao. Quen o elixe como fogar, como é o meu caso, non o cambia por ningún outro lugar no mundo”, sinalou o alcalde ao inicio da súa intervención.

Ourense está de moda polo seu potencial como destino ideal para escapadas en pontes, fins de semana e como non, en calquera época do ano. Diversificar o turismo tradicional supón unha oportunidade para poñer en valor destinos turísticos como o noso: singular e profundamente conectado cos sentidos. “Ourense saboréase, mírase, escóitase, pálpase e sente na súa máxima expresión. Ourense está de moda porque ten un gran tesouro: un inmenso océano de auga mineromedicinal baixo os nosos pés. Porque somos a Capital Termal de Galicia. Porque esa riqueza poboa as nosas ribeiras do Miño en forma de termas que deixan marabillados a todos aqueles que nos visitan. Ao arrullo dese caudal termal, o relax e o contacto coa Natureza son o noso emblema, coas Burgas como símbolo cume desde hai vinte e un séculos. Porque poucas cidades poden presumir de ter unha infraestrutura termal, e ao alcance de calquera que así o desexe, integrada en pleno Centro histórico”, expresou Jesús Vázquez.

Neste senso, a directora xeral de Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez, salientou que “as experiencias poden contarse, poden escoitarse, pero ninguén pode vivilas por outra persoa. Por iso invítolles a que disfruten desa experiencia que é Ourense”.

Tamén quixo enfatizar o rexedor ourensán outras potencialidades da cidade: “Somos moi afortunados en Ourense. Somos unha cidade universitaria cunha fonda vocación investigadora: contamos cunha Universidade e un Campus da auga que son auténticos motores do coñecemento e a investigación, alicerces imprescindibles para o desenvolvemento económico e turístico dunha cidade que ve esta cooperación institucional como factor crave de progreso. Orgullosos como estamos do Campus Auga, o primeiro campus especializado de toda España nesta materia, Ourense non sería o que é sen o río que a cruza, o Miño, coa maxestuosa Ponte Romana que a une desde hai séculos e coa vangardista Ponte do Milenio que atrae os flashes de todos os que nos visitan. Poucas cidades do mundo ofrecen as vistas marabillosas que ofrece Ourense desde calquera dos seus recunchos”.

Ourense está de moda porque marca estilo, e así o sintetizou Jesús Vázquez: “Berce da moda galega e do deseño a nivel internacional. Aquí temos amadrinando este acto a Adriana Domínguez, emblema da casa Adolfo Domínguez, máximo expoñente do sector. É toda unha honra para o Concello contar co seu apoio. Grazas, Adriana. Como tamén poderiamos falar de Roberto Verino, Purificación García ou Carolina Herrera, cuxos deseños saen precisamente de Ourense. Por iso é polo que o noso “destino de moda” sirva tamén como homenaxe a todos eses profesionais que contribúen a definir, enriquecer e engrandecer a marca Ourense, capital do deseño e da moda galega. Ourense está de moda porque somos unha cidade onde o sector comercial é clave. O estilo e a altísima calidade do seu comercio é sorprendente á vez que incuestionable. Ir de compras en Ourense é un luxo para os sentidos, unha experiencia incomparable”.

Sobre este aspecto tamén abundou a directora xeral de Adolfo Domínguez, Adriana Domínguez: “As creacións de Adolfo Domínguez son o resultado dunha suma de visións, inspiracións e aprendizaxes do mundo enteiro. Pero hai algo que sempre está ahí, algo invariable: hai moitas persoas e moitas ideas de xente de Ourense en cada unha delas. Debémoslle moito a Ourense. Por iso queremos apoiar este esforzo para dar a coñecer nun espazo tan interesante como Fitur a oferta turística da cidade e da provincia”.

Ourense está de moda porque sabe conxugar a vangarda coa tradición. E de aí que Vázquez Abad puxese sobre a mesa que “sabemos que a Cultura sempre é vital como elemento diferenciador. Somos unha cidade cun riquísimo patrimonio artístico e monumental que deixa marabillados a quen nos visita, cunha Catedral do Románico tardío con reminiscencias góticas que fai as delicias de todos a amantes da arte. Cunha vida cultural intensa e creativa que nos converte na “Atenas de Galicia”. Temos ata oito festivais de produción municipal con proxección internacional, como o Festival de Cinema Internacional que este ano cumprirá 23 edicións, ou diversos certames de música culta ou teatro para todos os públicos. Puxemos en marcha iniciativas innovadoras vinculadas á cultura urbana como o Polbo Extreme e sorprendemos sacando a música clásica á rúa co Piano Meeting, evento único en España. Gozamos dunha amplísima oferta cultural que xera proxección e unha marca turística propia coa que vivimos avances: Novos hoteis están a se iniciar en Ourense, ampliando así o parque hostaleiro da cidade. Ademais, o rexistro de vivendas de uso turístico permitiunos ampliar a oferta, con iniciativas cheas de encanto e unha aposta por regularizar o sector facendo as cousas ben e coa cooperación institucional como elemento crave”.

A oportunidade do Camiño de Santiago tamén foi outro dos aspectos enumerados polo alcalde da cidade: “Somos parte fundamental dunha das rutas xacobeas máis fermosas e con maior encanto: a Vía da Prata. De feito, os preto de 10.000 peregrinos rexistrados que a transitan anualmente, nuns meses poderán estrear o albergue máis moderno da Península, xusto á beira da nosa Praza Maior. Infinidade de peregrinos descobren Ourense a través do Camiño. Encandílanse. E repiten”.

A sobresaínte gastronomía de Ourense foi tamén outro dos piares expostos por Vázquez Abad: “Gozamos dunha cociña extraordinaria, con varias estrelas Michelín, cos pés na terra e orgullosa do seu produto. Sabemos que a nosa base está fundamentada en materia prima de primeira orde, que co máximo mimo elaboramos e ofrecemos. Calidade elevada ao cubo coa que conxugamos unha sólida formación en Hostalería que consegue posicionar no mercado a maridaxe perfecta de tradición e vangarda. En Ourense, fixemos do tapeo unha arte”.

A situación estratéxica da cidade foi tamén outro dos eixos do discurso do alcalde: “Ourense é a entrada da Alta Velocidade a Galicia. Somos conscientes de que a nosa localización debe ser unha oportunidade que xamais deberiamos deixar escapar. A variante exterior do AVE é o noso gran reto, para que a integración ferroviaria sexa unha clave de futuro: da súa man debemos atraer investimentos que redunden na creación de riqueza e emprego. É un dos nosos grandes obxectivos como eixo estratéxico que somos. A porta de entrada a Galicia mostra o mellor dunha comunidade, a galega, con moito que ofrecer e compartir”.

“Por todas estas razóns, e porque Ourense é unha cidade sorprendente, cun carácter amable, hospitalario e chea de vida, é polo que presentamos “Ourense Capital Termal destino de moda”. O deleite dos sentidos, o amor pola vida, a paixón polo traballo, o afán polas cousas ben feitas... Todo iso nótase en cada unha das facetas de Ourense. Son características que atesouran as nosas xentes, os nosos profesionais que día a día constrúen destino. O mérito de facer de Ourense un destino de moda é seu e a nosa obrigación como Concello é atendelos e axudalos. Para iso estamos aquí. Ourense é un plan perfecto para gozar dun destino turístico singular e de moda capaz de sorprender aos viaxeiros máis esixentes”, concluiu o alcalde da cidade. “É un orgullo para un alcalde, créanme, comprobar o entusiasmo que a miña cidade, urbe bimileraria e gardiá da Historia e Cultura de Galicia, provoca entre quen nos visita. Observar como Ourense está de moda. Porque Ourense sorprende e namora. Por iso quero concluír convidándolles a todos a que visiten, descubran, gocen, saboreen e vivan Ourense con toda intensidade. Estou seguro de que non lles defraudará”, concluiu o alcalde, Jesús Vázquez.