Praza Maior 1        988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Turismo e Termalismo

Áreas

O novo albergue de peregrinos de Ourense, o mellor de toda a rede do Xacobeo e que foi inaugurado o 5 de decembro de 2018, terá un centro de interpretación do Camiño Mozárabe-Vía da Prata.

Así, no novo albergue "Eligio Rivas Quintas", os peregrinos poderán acceder a toda a información que precisen sobre a ruta xacobeo de maior percorrido, que conecta Sevilla con Compostela.

Dase cumprimento así a unha demanda do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, que lle solicitou á Xunta de Galicia "que Ourense non só contase co mellor albergue de Galicia, senón que a cidade cobrase o protagonismo que lle corresponde como eixo neurálxico deste camiño Xacobeo".

A aposta por situar o albergue de peregrinos, que comezou a funcionar o 5 de decembro de 2018, "nun edificio histórico rehabilitado, en pleno corazón da zona histórica e a escasos metros da piscina termal de As Burgas, vai ser un atractivo máis para todos os seus usuarios. Pero tamén vai dinamizar a súa contorna", sinala o rexedor ourensán.

Camiño Mozárabe – Vía de la Plata

O Camiño Mozárabe é a ruta xacobea de maior percorrido: conectando Sevilla con Santiago de Compostela, é a prolongación dunha antiga calzada romana que unía Mérida con Astorga. Esta vía mantívose viva na Alta Idade Media, primeiro cos visigodos e despois baixo dominación islámica (de feito o nome de Vía de la Plata vén da denominación en árabe «bal'latta»). Os cristiáns mozárabes recristianizárona na Baixa Idade Media, cando comezan as peregrinacións desde Andalucía e Estremadura.

O peregrino que segue a antiga Vía de la Plata toma o desvío en Granja de la Moreruela (Zamora), desde onde hai dous posibles itinerarios a Santiago (un por Laza e outro por Verín) que desembocan en Ourense.

 

Datos do novo albergue de peregrinos de Ourense

A inversión total da Xunta de Galicia nesta obra foi de 820.000 euros, cunha superficie total edificada é de 647,71 metros cadrados:

  • Unha planta de soto destinada a lavandería, almacén de mochilas e cuartos de instalacións.
  • Unha planta baixa destinada salón de estar, cociña, aseos e control de entrada.
  • Dúas plantas altas destinadas a dormitorios (planta 1ª e 3ª). Unha planta destinada a grupo de aseos e duchas (planta 2ª).
  • Unha planta baixo cuberta destinada a dormitorios e despacho.

O proxecto cumpre toda a normativa de accesibilidade, de tal forma que se permita ás persoas con mobilidade e comunicación reducidas o acceso e circulación polo edificio nos termos previstos na súa normativa específica.

Esta obra supuxo a recuperación dun edificio municipal situado en pleno corazón da cidade, a escasos metros da piscina termal de As Burgas.