A Concellería de Sanidade do Concello de Ourense convida a nais, pais, fillos e fillas a compartir o seu tempo de lecer con actividades saudables e divertidas durante as fins de semana. O programa “Ocio en familia” inicia unha nova edición, con 6 propostas lúdico-culturais para familias con cativos de 4 a 14 anos, durante os meses de abril, maio e xuño, coas que descubrir a cidade, practicar deporte, xogar ou practicar novas afeccións compartindo obradoiros. A inscrición é gratuíta, e pódese realizar ata o día 27 de abril na Concellería, na rúa Vasco da Ponte, 1.
O programa comezará o sábado 29 de abril, cunha novidade “Alimenta a saúde”, na que as familias compartirán unha fin de semana saudable nos parques da cidade facendo exercicio e no rianxo da praza de abastos para coñecer os produtos de tempada, a súa preparación e degustación.
- Mira Ourense con outros ollos (/5/2017). Consistirá en pasear pola zona antiga da cidade con visita guiada á catedral, os panteóns de galegos ilustres no cemiterio, o claustro de San Francisco e o museo arqueolóxico, coñecendo os recunchos para rematar con visita ao Parque ferroviario Os Carrileiros onde poderán gozar de viaxes nos mini trens.
- Xogos para compartir (14/5/2017). Servirá para retomar os xogos de sempre compartíndoos con fillos e favorecer a comunicación en ambiente lúdico e ao aire libre con outras familias.
- Os camiños da auga 21/5/2017. Propón unha ruta para coñecer os recursos termais da cidade e rematar cun baño (opcional) nas termas de Outariz, e desprazamento no tren turístico das Termas.
- Á luz da lúa 27/5/215 Será un percorrido nocturno guiado polos arredores da cidade para observar estrelas ou simplemente para mirar a cidade desde a altura.
- Andaina sen fume 4/6/2017 Coincidindo co día mundial sen tabaco, o Concello organizará unha andaina saudable de 10.000 pasos pola cidade.
Actividades complementarias
- Concurso de Fotografía. As familias tamén poderán participar nun concurso de fotografía, que premiará as mellores instantáneas que plasmen as experiencias compartidas nas actividades. Poderanse presentar 3 por familia, que optarán a premios como unha cea, cámaras e álbums dixitais.
- Ocio en común san, alternativo e divertido. O traballo, a rutina, a falta de tempo fan que en moitas ocasións as familias non podan compartir todo o tempo e lecer que desecarían. Este programa pretende dar oportunidade de gozar dun ocio en común, san, alternativo e divertido, que facilite a conciliación familiar, incentive que nais, pais, fillos e fillas pasen máis tempo xuntos.
- Complemento a OciOurense Xove. A semana pasada, o Concello presentaba unha nova edición de OciOurense Xove 2017, que achega actividades de lecer saudable para mozos e mozas de 15 a 30 anos. Con Ocio en Familia, amplíase o ámbito de intervención, para proporcionar tamén propostas a cativos e cativas de menos de 15 anos, así como a nais e pais.
A actividade está organizada coa colaboración da Xunta de Galicia, Consellería de Sanidade, Museo Arqueolóxico, Urbanos de Ourense e Termas de Outariz, así como dos espazos expositivos municipais Claustro de San Francisco e Centro Cultural Valente.