É máis difícil para as nenas alcanzar as posicións de poder cando moitas delas non acceden á educación ou non finalizan os seus estudos e cargan con responsabilidades domésticas a idade temperá. A violencia é a segunda causa de morte entre as adolescentes, unha de cada catro nenas no mundo foi vítima de violencia física desde os 15 anos. As complicacións do embarazo e no parto son a principal causa de morte entre as nenas menores de 19 anos no mundo. Unha situación a miúdo imposta, onde elas non teñen o control das decisións que determinan o seu destino.
É necesario equilibrar as relacións de poder e é de xustiza que favorezamos o desenvolvemento de todo o potencial das nenas, pero ademais é eficiente porque xa se demostrou en moitos países en desenvolvemento que unha nena con estudos secundarios, ao chegar á idade adulta, inviste o 80% dos seus ingresos en asegurar a educación e o benestar da súa familia, favorecendo así o avance de toda a sociedade.
Segundo o estudo "Libera o poder das nenas agora" de Plan International o 88% das nenas cren que teñen máis oportunidades na vida que as súas nais, pero só o 37% cre que ten as mesmas oportunidades que os nenos para progresar. En España o estudo resalta aspectos fundamentais do sexismo que as propias nenas denuncian para alcanzar a igualdade: a persistencia dos roles tradicionais na división por xénero das tarefas domésticas e os coidados, a cosificación dos seus corpos que son tratados como obxecto sexual e o control ao que son sometidas por parte das súas parellas. Ademais, nenos e nenas din enfrontarse no noso país á discriminación e intimidación cando se afastan de comportamentos convencionais marcados por estereotipos de xénero.
As nenas poden proporcionar unha visión única das súas realidades, coñecen mellor que ninguén e en detalle as barreiras que atopan para o seu progreso e poden pór sobre a mesa as súas propias solucións para superalas.
Por iso o pleno do Concello de Ourense como representantes da cidadanía reiteramos o noso apoio á defensa dos dereitos das nenas e
- Facemos un chamamento á comunidade internacional para promover o liderado das nenas e que elas poidan liderar o cambio necesario que logre que o mundo sexa máis xusto, inclusivo e equilibrado.
- Para iso é imprescindible que se habiliten os espazos públicos e privados que lles permitan alzar a súa voz co obxectivo de pór fin á violencia, discriminación e inxustiza contra as mulleres e as nenas.
- A loita contra a violencia de xénero e a favor da igualdade seguirá sendo unha das nosas prioridades lexislativas. Ningunha nena debe vivir con medo nin no seu fogar, nin na escola, nin na súa comunidade ou contorna social.
- Comprometémonos a promover políticas que contribúan á consecución dos obxectivos da Axenda para o Desenvolvemento Sustentable 2030 en materia de igualdade de xénero para e coas nenas e mulleres novas.
- Comprometémonos a que as súas voces sexan escoitadas e incorporar as súas opinións no deseño das políticas públicas que lles afectan.
- Temos o compromiso de non dar as costas ás nenas que a miúdo son silenciadas, sofren explotación ou discriminación.