“A cooperación institucional foi clave para acadar un feito que redundará nunha mellora calidade na prestación de servizos nos municipios da área de influencia de Ourense, coa cidade como centro neurálxico”, sinala Jesús Vázquez Abad, quen ratifica a vontade do Concello de dotar de 20 efectivos máis ao Corpo de Bombeiros, actualmente cunha plantilla de 52 membros.
Os tres dirixentes certificaron a súa vontade política de avanzar neste proceso que, a partir de agora, entra un proceso de negociacións técnicas e tamén de conversas cos concellos do contorno da cidade de Ourense beneficiados pola medida. “Como Goberno Municipal, seguiremos loitando por prestar mellores e máis eficaces servizos aos nosos veciños e que eses servizos redunden en melloras laborais para os traballadores municipais do Corpo de Bombeiros”, sinala o rexedor ourensán.
A comarcalización do parque de bombeiros de Ourense prestaría servizo a máis de 150.000 persoas e beneficiaría a 15 concellos, incluída a propia cidade. Nove deles recibirían atención directa (Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, Paderne de Allariz, A Peroxa, Taboadela, Toén e Vilamarín) e, nunha primeira estimación, outros seis terían servizo de xeito complementario (Esgos, Maceda, A Merca, Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas), aínda que terán que ser os traballos técnicos os que definan o modelo ao detalle.
A comarcalización dos parques das cidades e a creación de novos servizos nas zonas de sombra, previstas pola Xunta de Galicia e abordadas no Grupo de Traballo polas emerxencias, permitirán que, cando se produza unha incidencia, se estenda o tempo de resposta de 20 minutos dun 65 a un 90% do territorio e dun 87 a un 95% da poboación.