O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acompañou á conselleira de Infraestruturas na presentación do anuncio de licitación, publicado o 26 de febreiro no DOG, para a licitación das obras da terminal de autobuses da Estación Intermodal de Ourense. Na visita tamén asistiron o presidente da Deputación, Manuel Baltar, así como representantes do equipo redactor do proxecto e do Adif, así como o presidente da Comisión de Fomento e deputado no Congreso, Celso Delgado. “Os compromisos pasan a ser realidade cando saen publicados nos diarios oficiais”, sinalou Vázquez Abad, quen agradeceu o intenso traballo coordinado, intenso e conxunto das diferentes administracións para acadar este obxectivo. “Hoxe damos un paso definitivo para acadar a gran obra do século XXI en Ourense”, sinalou Jesús Vázquez Abad.
O proxecto da terminal de autobuses integrada na Estación Intermodal ten un importe de licitación de 4,2 millóns de euros e as obras terán un prazo de execución de 12 meses.
O proxecto constructivo do aparcamento soterrado, tal e como explicou a conselleira Ethel Vázquez, estará rematado nos vindeiros días e prevese licitar en vindeiras datas. “As obras estarán perfectamente integradas e coordinadas”, sinalou a titular de Infraestruturas.
O Goberno galego segue avanzando nos trámites necesarios para a execución da nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, que contará con 13 dársenas de operación e 3 dársenas de regulación; cun edificio de máis de 700 m² construídos, para albergar os diferentes servizos: venda de billetes, consigna, oficinas, aseos.
A conselleira Ethel Vázquez Mourelle explicou os pasos para facer realidade unha infraestrutura clave para a cidade, a estación intermodal, actuación na que están a traballar conxuntamente a Xunta, o Concello e Adif para lograr un encaixe perfecto das pezas que a conforman: a nova terminal de autobuses, integrada na terminal ferroviaria; a adaptación da estación de tren; o aparcadoiro subterráneo; e os elementos de conexión entre os barrios.
Salientou que se está a traballar no desenvolvemento da 1ª fase desta actuación estratéxica, que comprende a construción da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo, por importe de máis de 11 millóns de euros. Adif executará as obras correspondentes ao aparcadoiro, con dúas plantas con 300 prazas, que darán servizo ás terminais de autobuses e de ferrocarril e permitirá unha reodernación da actual praza da estación, cun investimento de arredor de 7 M€, achegando a Xunta 3,9 millóns de euros e Adif o restante.
Mentres se leva a cabo a construción do aparcadoiro habilitarase, de forma provisional, unha zona de estacionamento en parte do espazo que ocupará a futura terminal de autobuses. Deste xeito, conseguirase avanzar e adiantar prazos, garantindo que as obras do parking e da propia estación autobuses se poidan compaxinar e executar ao mesmo tempo.
Nunha 2ª fase, que desenvolverá o Ministerio de Fomento, levarase a cabo a adaptación da terminal de ferrocarril e as actuacións para mellorar a integración urbana e a conexión transversal cos barrios da Ponte e do Vinteún.