O tren das termas -con saída da Praza Maior- comeza o seu horario de verán, aumentando as súas frecuencias.
Ourense, 27 de marzo de 2018.
O Concello de Ourense ten preparados os seus puntos de interese turístico para a chegada da semana santa: a Oficina Municipal de Información Turística, as instalacións termais das Burgas, así coma o claustro de San Francisco permanecerán abertos durante os días festivos co gallo de ofrecerlles aos visitantes da nosa cidade un aproveitamento máximo da súa estancia.
Así, a Oficina Municipal de Turismo abrirá do xoves 29 ao sábado 31 de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas. O domingo 1, en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas. O Centro de Interpretación de As Burgas, en pleno centro histórico.
Desde o pasado sábado 24 de marzo, ademais, o Tren das Termas xa traballa no seu horario de verán, aumentando a frecuencia de viaxes [+info]. Porén, debido ás variacións da canle do río, as instalacións termais da Chavasqueira e Muíño da Veiga seguirán fóra de servizo durante esta semana.
Mil turistas durante a semana santa de 2016
O ano pasado, un milleiro de persoas foron atendidas nas Oficina de Turismo (do 13 ao 16 de abril). O 85% visitaba por vez primeira Ourense, e oito de cada dez eran turistas achegados de diferentes puntos de España (maiormente de Castela León, Madrid e Euskadi). O resto dos visitantes procedían de Galicia, un 15%, sendo A Coruña a provincia que máis visitantes achega, e do resto do mundo (5%), sendo os portugueses, brasileiros, franceses, alemás e británicos os máis representativos.