O Concello conta con dous novos vehículos, neste caso cedidos por PSA Retail, que permitirán ampliar o servizo que veñen prestando os voluntarios de Protección Civil, en todas aqueles labores de atención á cidadanía que así o solicitan, con especial atención ás persoas máis vulnerables na situación de alerta en que nos atopamos polo coronavirus.
O acto de entrega dos vehículos tivo lugar na Praza Maior, contando coa presenza do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o tenente de alcalde, Jorge Pumar, e as concelleiras de Política Social, Eugenia Díaz Abella, e Seguridade, María Fernez Dibuja, así como do director de PSA Retail Ourense, Carlos Miranda López, e membros de Protección Civil.
Neste senso, o rexedor quixo destacar a “importante colaboración de empresas e da cidadanía para facer fronte a esta situación de alerta”, en especial a PSA Retail por ser “os primeiros que se puxeron en contacto co Concello, e aos que se sumaron outras empresas”. Ademais de poñer en valor a importancia do traballo dos voluntarios de Protección Civil nesa “atención necesaria a todos os veciños”, para que dese xeito “todos poidan ter resolto calquera problema que poida xurdir”.
O Concello de Ourense comezou a repartir o material que están doando diferentes empresas privadas da cidade entre os albergues municipais e os voluntarios que loitan contra a expansión do coronavirus. Así, a concelleira de Política Social, Eugenia Díaz Abella, e o tenente de alcalde, Jorge Pumar, repartiron no Fogar do Transeúnte e no albergue de peregrinos a bebida que doou a empresa Coca Cola. A bebida tamén foi levada á delegación de Cáritas en Ourense, para os colectivos máis desfavorecidos, e repartida entre os voluntarios que colaboran con Protección Civil e o corpo de bombeiros.
As doazóns chegan desde diferentes empresas, pero tamén de particulares que, a través do grupo de voluntarios de La Molinera, están poñendo á disposición do Concello as súas impresoras 3D para a fabricación de equipos de protección individual (epi).