O Concello de Ourense está a preparar o polideportivo municipal de Oira para acoller as persoas sen fogar con positivos asintomáticos de COVID-19 que lle derive o Sergas. O Concello mantén aberto actualmente o albergue principal, o Fogar do Transeúnte, emprazado na Praza do Trigo, que está completo, máis o adicional que se acondicionou no albergue de peregrinos da Barreira, onde hai prazas dispoñibles. Ademais, ten preparado tamén o antigo albergue de peregrinos de San Francisco, por se fose preciso utilizalo.
Con esta medida, o Concello quere ter a previsión necesaria para dar resposta á situación derivada do coronavorus COVID-19.
Neste senso, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Política Social, Eugenia Díaz Abella, nunha xuntanza mantida esta mañá, amosaron a súa disposición para colaborar coas diferentes administracións en canto sexa posible, utilizando os recursos dos que dispón o Concello; neste caso, habilitando o pavillón polideportivo de Oira nas condicións axeitadas para acoller a estas persoas.