O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, convocará un pleno extraordinario para a aprobación definitiva dos orzamentos o vindeiro xoves, 30 de abril, que será de asistencia física, con quorom mínimo, no salón de plenos do Concello. Anúlase así a opción dun pleno telemático ao non cumprirse as condicións necesarias que garantan a celebración da sesión sen incidencias ou riscos para a saúde, como se puxo de manifesto nas probas realizadas con 27 concelleiros esta mesma maña.
O propio alcalde optou pola decisión alternativa, un pleno presencial garantindo a seguridade necesaria, para o que mantivo contacto telefónico cos portavoces de todos os grupos, que aceptaron a proposta. Deixa claro Pérez Jácome que “non haberá voto delegado-ponderado, senón presenza pactada”, despois das consultas realizadas con técnicos municipais.
Explica o rexedor que se convocará a todos os concelleiros e acudirá unha representación de cada un dos grupos, e que a distribución farase do seguinte xeito: Partido Socialista 3, Partido Popular 3, Democracia Ourensana 3, Bloque Nacionalista Galego 1, e Ciudadanos 1, fórmula que lle outorgaría ao grupo de goberno PP-DO a maioría necesaria para sacalos adiante, da que dispón sumando 14 votos.