O Concello de Ourense e a Deputación Provincial asumirán o custo da estancia e do aloxamento dos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), en total 50 soldados, que do 1 ao 3 de maio realizarán diferentes actuacións vinculadas aos traballos de desinfección de residencias e espazos de xeriatría, cos que se pretenden contribuír á posta en marcha de medidas de prevención pola COVID19.
As dúas administracións, que “teñen amosado o seu compromiso e solidariedade”, en palabras do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asumirán o custo ao cincuenta por cento, gastos correspondentes ao pago do hotel Princess durante os tres días, por valor de 3.000 euros. O acordo coa xerencia do establecemento hoteleiro, que levou consigo contar coa correspondente autorización administrativa -o Real Decreto de situación de alarma obrígao a permanecer pechado- para acoller os soldados, que serán os únicos que permanecerán nesas instalacións, avanzouse tendo en conta o seu emprazamento, próximo á Comisaría da Policía Nacional, campo base para todos os vehículos que utilizarán para os desprazamentos e diferentes tarefas encomendadas.
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, pon en valor a importancia da “colaboración institucional”, neste caso co Concello de Ourense, para prestar un “importante servizo”, así coma outro tipo de accións conxuntas que teñen como obxectivo “garantir a seguridade e a saúde das persoas, que é o que máis nos debe importar”.