O Concello de Ourense mobilizará o seu remanente de tesouraría para desenvolver proxectos de infraestruturas e investimentos estratéxicos para contribuír á reactivación socioeconómica e á mellora da calidade de vida na cidade despois da pandemia da COVID19. Así o anunciaron esta maña o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride, nunha rolda de prensa na que concretaron as actuacións que levará a cabo o goberno municipal. Entre elas, un plan de investimentos en infraestruturas que ascende a 50,5 millóns de euros para desenvolver en 3 anos, proxectos estratéxicos como aparcadoiros disuasorios, parques e piscinas nos barrios da cidade, ou o parque acuático termal, para o que se perfila como localización o Campo da Feira, entre outros. Os proxectos estarán financiados cos orzamentos ordinarios do Concello máis modificacións orzamentarias para mobilizar os fondos dispoñibles no remanente de tesouraría, que ascende a 120 millóns de euros.
Axuda a autónomos e outros sectores afectados. Alcalde e concelleiro lembraron que o Concello porá en marcha un plan de axudas a autónomos, que mañá tratará de novo cos grupos da oposición, e que dará apoio a uns 7.000 traballadores en Ourense. Prevé que as bases estean pechadas en 10 días e, unha vez realizados os trámites precisos, se poidan comezar a conceder as axudas para o verán. Tamén avanzou o rexedor que o Concello estuda medidas de apoio á hostalaría, coa posibilidade de autorizar a instalación de veladores en prazas de estacionamento en zona ORA, adoptando as medidas necesarias. Noutro ámbito de actuación, o alcalde lembrou a transferencia de 1 millón de euros a partidas sociais de emerxencia, engadindo que a entrada en vigor dos orzamentos novos incrementará as partidas deste ámbito.
Campaña de apoio ao comercio local. Pérez Jácome fixo tamén un chamamento á cidadanía para que compren no comercio local, que lle dá vida á cidade e xoga un papel fundamental desde o punto de vista social e económica, de forma que as plusvalías queden en Ourense. Ademais dunha campaña municipal co lema “Merca local, vive global”, o alcalde lembrou que o Concello traballa nun Marketplace, “a mellor plataforma de España”, dixo.
Sala Valente. Nunha rolda de prensa na que repasou numerosos temas de actualidade, referiuse tamén á ampliación de usos que se realizará na Sala Valente, que acollerá servizos municipais -referiuse aos de Rexistro, Padrón, Estatística... os de Atención ao cidadán que actualmente se prestan na planta baixa da Casa do Concello-, o que suporá “un mellor servizo aos cidadáns”.
Dotacións urbanas. Outro dos asuntos que centrou a atención da rolda de prensa foi a dotación de recursos para a cidadanía. Así, falouse da creación de piscinas nos barrios de A Ponte -no novo parque anunciado recentemente-, As Lagoas, Mariñamansa, Barrocás e O Vinteún, “unha zona esta moi esquecida”, para que non teñan que desprazarse continuamente a Oira.
Tamén se detivo especialmente na construción de aparcadoiros disuasorios en barrios como A Ponte, As Lagoas, San Francisco e O Couto, moi necesarios para a evitar a conxestión do tráfico urbano.
Outros proxectos que debullou o alcalde na súa intervención foron o parque acuático termal de 20.000 m2, “único no Sur de Europa”; a creación dunha grande área de lecer en Untes; un concurso para a remodelación das marxes do río Miño, en colaboración coa Delegación do Colexio de Arquitectos de Galicia en Ourense, que suporía un investimento de entre 15 e 20 millóns de euros.
Ademais, búscase o mellor emprazamento para un velódromo, unha área de auto-caravanas e un aparcadoiro nas proximidades da zona termal.
Plan de investimentos. O segundo grande bloque da rolda de prensa tivo como protagonista o plan de investimentos, que incluirá obras, dixo o alcalde, necesarias para mover a economía e contribuír ao emprego na cidade. Os investimentos ascenderán a 50,5 millóns de euros no período 2020-2023.
O concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride, explicou polo miúdo o paquete de investimentos, que suporán unha forte licitación pública que se traduce en actividade económica, emprego, e que axudará tamén a outros sectores coma o do comercio ou o da hostalería. Este incluirá as obras previstas nos planes de investimentos aprobados máis outras novas intervencións, en ámbitos como a renovación de rúas e beirarrúas, humanización, renovación de servizos de abastecemento e saneamento, mellora da iluminación pública e eficiencia enerxética, plan de mobilidade vertical, etc.
Tamén se realizará un proxecto estratéxico, o acceso oeste, que conectará a Nacional 525 coa glorieta da Saínza coa Avenida de Zamora. Para isto, o concelleiro vinculou a necesidade da aprobación do Plan Xeral de Urbanismo. “A cidade está obsoleta e necesita moitos cambios”, apuntalou o alcalde.