Na reunión da xunta de portavoces que se celebrou hoxe, o goberno do Concello de Ourense e os grupos da oposición avanzaron nas bases para a concesión de subvencións a autónomos, pemes e comercio local, toda vez que os grupos da oposición trasladaron as súas propostas arredor do borrador elaborado polo goberno municipal. Estas serán estudadas para a aprobación e posta en marcha do proceso que, segundo estableceu o goberno municipal, inclúe unha contía de 20 millóns de euros para estas axudas. Así o puxo de manifesto o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante a reunión, na que estiveron presentes a voceira do Partido Popular, Flora Moure, o de Democracia Ourensana, Miguel Caride, o do Partido Socialista, Rafael Rodríguez Villarino, o de Ciudadanos, José Araújo, e o do BNG, Luís Seara.
Destacou o alcalde nesta reunión a necesidade de manter estas xuntanzas cos portavoces para analizar diferentes cuestións e de trasladar toda a documentación relacionada co plan de investimentos para os vindeiros tres anos, coa mobilización de recursos económicos do remanente de tesouraría -que ronda os 120 millóns de euros- cun obxectivo claro: “recuperación económica da cidade e, sobre todo, mellorar a calidade de vida dos cidadáns”.
Os portavoces dos grupos da oposición fixeron una valoración positiva deste tipo de reunións, que consideran necesarias para abordar cuestións que terán una incidencia directa na recuperación económica pola situación de alarma provocada pola COVID19, deixando patente que lle seguirán trasladando ao goberno municipal diferentes propostas, especialmente no ámbito social, para paliar as necesidades daquelas persoas máis vulnerables.
Neste sentido, por parte do goberno, ponse de manifesto que “aínda que temos a nosa folla de ruta, entendemos que estas reunións da xunta de portavoces permiten un intercambio de propostas que sempre son enriquecedoras”, en palabras do seu voceiro, Miguel Caride. Pola súa banda, a voceira do Partido Popular, Flora Moure, insiste en que o obxectivo do goberno é “simplificar o proceso para a concesión das axudas”, toda vez que a previsión é de algo máis de 7.000 expedientes.
Por outra banda, as xuntas de área volverán celebrarse o vindeiro martes, mentras que se voltará celebrar unha xunta de portavoces o vindeiro mercores, 13 de maio.