O Concello de Ourense duplica a achega do convenio de colaboración a Cáritas, que ascende a 250.000 euros. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, rubricou hoxe o compromiso do goberno no eido social ao anunciar que se duplicará a contía económica do convenio de colaboración anual con Cáritas, que pasará de 125.000 euros aos 250.000 euros para o presente ano. Así se acordou despois da reunión que mantivo xunto coa concelleira de Política Social, Eugenia Díaz Abella, e os responsables de Cáritas, Ángel Feijóo e María Tabarés.
O rexedor puxo de manifesto o labor realizado por Cáritas durante “a situación límite que provocou a COVID-19”, e que fixo que se tivesen que atender as necesidades das persoas en situación de vulnerabilidade, así como outras moitas que tiveron que recorrer a eses servizos, caso do comedor social. O incremento substancial que experimentou foi especialmente significativo, como pon de manifesto Pérez Jácome, xa que as comidas que se servían diariamente ás persoas que acudían ao comedor chegaron ás 600, “iso supuxo un maior esforzo que asumiu Cáritas para atender todas as necesidades”.