O Concello de Ourense mobiliza 22 millóns de euros para avanzar na mellora de infraestruturas, zonas verdes e limpeza do perímetro rural. Foi a xunta de goberno local a que aprobou catro expedientes de modificación de créditos que suman un total de 22.714.339,61 euros. Estas partidas serán executables a finais de agosto, calcula Miguel Caride, voceiro da xunta de goberno local, “e poderemos comezar a licitar actuacións a principios de setembro”.
- O primeiro dos expedientes, mediante a modalidade de suplemento de crédito, 3.727.833,40 euros para o plan +Rural da Concellería de Medio Ambiente e Perímetro Rural: Investimento en infraestruturas; humanización e conservación de núcleos rurais; reparación, mantemento e conservación de infraestruturas; actuacións en zonas verdes e reparación e mantemento de zonas de lecer.
- O segundo, empregando a figura dos créditos extraordinarios, 16.946.374,70 euros para o Plan de obras da Concellería de Infraestruturas: investimentos e reposicións na vía pública; expropiacións; novos proxectos e investimentos na rede de augas; e iluminación pública.
- O terceiro, utilizando a figura do suplemento de crédito, 1.569.851,51 euros para unha débeda contraida por sentenza xudicial para contrato de recollida de lixo e limpeza viaria.
- E o cuarto, mediante a figura do suplemento de crédito tamén, por valor de 470.280 euros, para axilizar estudos e traballos técnicos en Infraestruturas.