Esta mañá Concello e sindicatos chegaron a un acordo global sobre o proxecto de ordenanza do teletraballo co cal se dá por pechada a negociación neste ámbito e se continuará co trámite para levala a pleno para a súa aprobación o antes posible.
O acordo da mesa de negociación ten unha especial relevancia, non só polo teletraballo en si, senón tamén pola importancia que este pode ter de cara á modernización do funcionamento da propia administración municipal, para comezar a traballar doutro xeito, non só en canto á utilización intensiva de medios tecnolóxicos, senón tamén en canto a estruturación do traballo, introducindo indicadores de obxectivos concretos para cada teletraballador a través do plan individual de teletraballo.
Na mesma reunión chegouse a acordo respecto ao calendario laboral de 2021, e respecto á ampliación do tempo dispoñible para poder gozar das vacacións e/ou días de asuntos propios do ano 2020 que non puideron ser utilizados durante este ano por mor da pandemia da COVID 19, ampliando esta data límite até o 31 de marzo. Houbo traballadores que, por razóns de servizo, non puideron coller as vacacións este ano, por iso se decide ampliar ese límite, que antes estaba no 31 de xaneiro.