O Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Ourense mellora as súas dotacións coa adquisición de equipos de rescate e de dous vehículos de última xeración. A xunta de goberno aprobou a adxudicación deste material, que suma 559.219,25 euros, na sesión celebrada esta mañá.
Así, o Concello de Ourense contará cun vehículo bomba forestal para atender as necesidades de seguridade en incendios forestais. Este vehículo conta con importantes adaptacións para actuar en zonas de difícil acceso: é todo-terreo, de transmisión 4x4, cunha estrutura e chasis reforzado, e cunhas características técnicas de suspensión, dirección, rodas, etc. que garante unha marcha segura en calquera tipo de terreo. Entre outras características, o vehículo ten unha potencia de 250 CV e un caudal de auga de 4.600 litros por minuto. Adxudícase por importe de 293.969,50 euros.
A segunda das adquisicións é un vehículo furgón con remolque, por importe de 154.624,85 euros. Estará destinado a tarefas de apoio en diversos tipos de intervención de emerxencia. Vai equipado con remolque, con material NRBQ para intervención en accidentes con mercadoría perigosa con risco nuclear, radiolóxico, bacteriolóxico e químico. Este vehículo suplirá o actual furgón, que conta cunha antigüidade de 24 anos, e que conta con importantes carencias, necesarias para a súa operatividade.
Por último, adxudicouse a subministración dun equipo de rescate hidráulico con accesorios para a extracción e dun equipo de busca, ambos por un total de 110.624,90 euros. Unha importante ferramenta para intervir en accidentes de tráfico ou apertura de portas. Ademais disporá dun equipo de cámaras para busca de persoas atrapadas en sinistros de derrubes de estruturas. Con esta adxudicación o corpo de bombeiros disporá dun equipo formado por cámaras de visión, cámara térmica, sensores de movemento, unidade de control e pértega.
Obras de conservación e mantemento das vías. Xunto cos tres expedientes anteriores, en materia de Contratación, a xunta de goberno desbloqueou un total de 2,2 millóns de euros en diferentes adxudicacións. Entre eles, o lote 1 do servizo de obras de conservación e mantemento da infraestrutura viaria do Concello de Ourense para os anos 2020, 2021 e 2022 por un importe total de 1.052.280 euros a Petrolam Infraestructuras SL.
En total, a xunta de goberno aprobou 14 expedientes achegados por diferentes servizos e concellerías municipais.