Praza Maior 1 988 388 100

Atopar
Buscador Concello de Ourense

Concello

A xunta de goberno local aprobou na súa xuntanza desta mañá a convocatoria das axudas que o Concello de Ourense lles concederá ás familias para a compra libros e material escolar e para os gastos en comedores escolares para o próximo curso 2021/2022, cun orzamento de 294.250 euros. Tamén aprobou a convocatoria das subvencións que lles darán apoio ás asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor en Ourense no ámbito dos servizos sociais, dotadas cun orzamento de 325.000 euros.

Nos dous casos, as persoas e entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde o día seguinte ao que se publique o extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Na mesma sesión, a xunta de goberno aprobou as bases que rexerán as convocatorias para seleccionar as actividades que organizará o Concello dentro do programa de envellecemento activo, e nos centros cívicos, tanto as dirixidas ás persoas adultas como as orientadas á rapazada.

A xunta de goberno local tratou na súa sesión de hoxe un total de 33 asuntos.

Avogacía Consistorial (6). Catro sentenzas, un auto e unha comparecencia.

Sentenzas: A primeira delas, no procedemento contra a inactividade polas denuncias interpostas contra locais de lecer nocturno na rúa da Lúa, condena a administración local a resolver os expedientes. O Concello alegou que non existira inactividade por canto resolveu os expedientes e incluso decretou o peche de varios dos locais, pero o xulgado non atendeu as alegacións.

A segunda, relativa a unha reclamación de responsabilidade patrimonial, estima o recurso dun particular e condena o Concello a indemnizalo coa cantidade de 2.587,54 euros por danos ocasionados ao seu vehículo pola caída dunha árbore mentres estaba estacionado.

Tamén acolleu as alegacións do recorrente outra das sentenzas, ante a falta de medios probatorios por parte do Concello na imposición dunha sanción por ocupación de vía pública.

A última sentenza condena un particular como responsable dun delito contra a seguridade do tráfico por conducir baixo a influencia de alcohol. Obrígao a pagar 110,43 euros polos danos nun sinal de tráfico municipal e condénao a catro meses de multa cunha cota de 5 euros ao día e privación de conducir vehículos a motor durante oito meses.

O Auto, do contencioso administrativo 1, di que non procede a suspensión cautelar dunha declaración de ruína inminente e demolición de dous inmobles, solicitada por un particular, xa que o prexuízo pode ser compensado economicamente.

Comparecencia. O Concello comparecerá, como prexudicado, para reclamar 171,62 euros polos danos ocasionados por un vehículo nunha árbore.

Licenzas (6). A xunta de goberno concedeu as licenzas para a instalación dun ascensor nun edificio da Avenida de Bos Aires e para a remodelación dunha vivenda unifamiliar na rúa de Isaac Piñeiro, e denegou a licenza en vía de legalización doutra situada na rúa Gumersindo Buján. Finalmente, concedeu licenza para a construción dun edificio de oficinas na rúa do Progreso, cun orzamento de execución de 302.732 euros.

No apartado de aperturas, concedéronse licenzas para a obra e acondicionamento dun local destinado a oficinas na rúa do Progreso e para a adaptación dun local para uso de cafetería na rúa Río Mao.

Patrimonio (13). Desestimáronse reclamacións de responsabilidade patrimonial presentadas contra o Concello por diferentes motivos: polos danos ocasionados nun vehículo polo mal estado da rúa Dalí; polos danos causados por filtracións de auga nunha vivenda da rúa Cervantes; por dúas caídas na rúa -na confluencia da rúa da Unión coa praza de Los Suaves e na rúa Bispo Lourenzo-; polos danos causados pola caída da barra de suxeición dunha papeleira na rúa Doutor Fleming; e polos danos causados nun vehículo polo desprazamento de contedores na rúa Emilia Pardo Bazán.

Estímase, porén, a reclamación de 700 euros polos danos provocados nun vehículo como consecuencia dunha focha na calzada.

Pola súa banda, o Concello reclamará polos danos causados por un vehículo en dous contedores de lixo na rúa Os Chaos (valorados en 1.558,70 euros); polos danos causados en catro contedores na rúa Sáenz Díaz (por valor de 4.040,41 euros); polos danos causados nun banco na rúa dos Remedios valorados en 249,72 euros; polos danos materiais ocasionados por un vehículo nun fito metálico de protección, por valor de 68,36 euros; e polos danos causados nun sinal de tráfico na glorieta de Pardo de Cela (valorados en 109,81 euros).

Finalmente, autorízase o pagamento de 10.090,88 euros a dous particulares en concepto dos dereitos recoñecidos pola adquisición dun inmoble na Avenida das Caldas esquina con Basilio Álvarez.

Contratación (1). Apróbase a solicitude da Asociación Ourensana de Discapacitados Físicos, Parálise Cerebral y Terceira Idade Dependente Aixiña, en concepto de indemnización pola suspensión temporal -debido ás restricións pola Covid- do contrato do servizo de centro de día para persoas maiores dependentes do Concello, e autorízase o gasto no seu favor de 6.560,30 euros.

Infraestruturas (1). Apróbase o gasto en favor do Xulgado Contencioso-Administrativo núm. 1 de Ourense, de 276,05 euros en concepto custas procesuais.

Asuntos Sociais (5). Aprobáronse cinco convocatorias:

Libros de texto e material escolar. Aprobouse a convocatoria de axudas en especie para a adquisición de libros de texto, material escolar e comedores escolares correspondentes ao curso 2021-2022. Apróbase así o gasto para axudas de libros de texto e material escolar, cun importe de 25.000 euros; e o gasto de axudas para comedores escolares por 269.250 euros.

Esta convocatoria vai dirixida a unidades de convivencia en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo residentes no Concello de Ourense que, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes cumpran os seguintes requisitos: estar empadroados no Concello de Ourense, con tres meses mínimo de antigüidade, todos os membros da unidade de convivencia; non superar os 3.500 euros de renda per cápita anual -computarase un membro máis no caso de presentar algún deles unha discapacidade igual ou superior ao 33%, e tamén no caso de ser familia monoparental-.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Ourense ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, del 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de 15 días hábiles contado a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense (BOP).

Subvencións a entidades sen ánimo de lucro. Convocatoria en réxime de concorrencia competitiva de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais correspondentes ao exercicio de 2021. Esta convocatoria conta cunha partida de 325.100 euros.

As axudas van destinadas a financiar programas, proxectos o actividades que, sendo considerados de interese, promoción social ou de utilidade pública para o Concello de Ourense, no ámbito dos servizos sociais, promovan as asociacións e entidades sen ánimo de lucro. Estes programas, proxectos ou actividades deberán ir dirixidos prioritariamente a persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade social.

Envellecemento activo. Bases reguladoras da convocatoria pública para a selección de proxectos para a súa inclusión no Programa de envellecemento activo do Concello de Ourense para o período 2021-2022. Apróbase un gasto de 13.223,31 euros para 2021 e de 51.776,69 euros para 2022.

Centros Cívicos (adultos). Bases reguladoras da convocatoria pública para a selección de proxectos para a súa inclusión no Programa de actividades dos centros cívicos do Concello de Ourense. Cóntase cunha partida de 5.000 euros para 2021 e de 17.657 euros para 2022.

Centros cívicos (mocidade). Bases reguladoras da convocatoria pública para a selección de proxectos para a súa inclusión no Programa de actividades dos centros cívicos para nenas e nenosdo Concello de Ourense. Haberá 13.250 euros para 2021 e 17.656 euros para 2022.

Educación (1). Acordouse a anulación da fase “A” do gasto plurianual do contrato do servizo de limpeza de centros educativos públicos de educación infantil e primaria (CEIP) do Concello de Ourense. Así mesmo, reponse á situación de dispoñible o crédito retido para a finalidade do servizo: 46.436,24 euros en 2021, e 27.543,03 euros para a anualidade de 2022.

Clasificación dos Indicadores de Transparencia

  PUBLICIDADE ACTIVA E INFORMACIÓN SOBRE A CORPORACIÓN MUNICIPAL:

  PUBLICIDADE ACTIVA SOBRE A PLANIFICACIÓN, ORGANIZACIÓN E PATRIMONIO DO CONCELLO:

  PUBLICIDADE ACTIVA SOBRE OS ÓRGANOS DE GOBERNO MUNICIPAIS, INFORMES E RESOLUCIÓNS XUDICIAIS:

  PÁXINA WEB DO CONCELLO E SERVIZOS MUNICIPAIS:

  PARTICIPACIÓN CIDADÁ E INFORMACIÓN DE INTERESE PARA A CIDADANÍA:

  CONTRATACIÓNS:

  CONVENIOS, ENCOMENDAS DE XESTIÓN E SUBVENCIÓNS:

  SUBMINISTRADORES E CUSTOS DOS SERVIZOS:

  VISIBILIDADE, CANLES E CARACTERÍSTICAS DO ACCESO Á INFORMACIÓN PÚBLICA:

  RECLAMACIÓNS E AVALIACIÓN DO DEREITO DE ACCESO Á INFORMACIÓN PÚBLICA:

  • Indicador 78. Procedemento para presentar reclamacións por denegación total ou parcial no exercicio do dereito de acceso á información.
  • Indicador 79. Informe de que na Web municipal está operativa e claramente visible a entidade municipal responsable ante calquera presentación de reclamacións por denegación total ou parcial no exercicio do dereito de acceso á información.
  • Indicador 80. Información estatística de datos relativos a: Número de solicitudes de acceso á información recibidas; resoltas dentro de prazo, desestimadas, en todo ou en parte; e o resumo temático xeral das solicitudes de acceso á información recibidas.